Saltar al contenido

Homenaxe académica ó historiador Enrique Cal Pardo

Cal Pardo no seu despacho en Mondoñedo. FOTO: Ramón Loureiro
Cal Pardo no seu despacho en Mondoñedo. FOTO: Ramón Loureiro

JESÚS MANUEL GARCÍA. O historiador galego Enrique Cal Pardo, de 92 anos, vai recibir o galardón da Academia Auriense Mindoniese este outono para festexar a inxente obra de investigación deste importante medievalista. O acto terá lugar en Mondoñedo o 7 de novembro, ás 11.30 horas, no Seminario da cidade episcopal coa entrega do premio Manuel Iglesias Grande. A esa hora vaise presentar o libro Mondoñedo. Catedral, cidade, bispado na segunda metade do século XV, e de seguido farase un homenaxe e leranse os títulos e méritos do investigador. A xornada inclúe un xantar a partires das 13.30 horas cun menú que custará 30 euros por comensal.

   Cal Pardo é prelado de honra do Papa e deán da catedral de Mondoñedo. A Deputación de Lugo vai editar un traballo deste especialista que versa sobre o crepúsculo da Idade Media en Galicia, investigación de suma importancia porque permitirá desvelar dun xeito definitivo as sombras arredor de personaxes da historia galega como Pardo de Cela.

   A cultura galega está de noraboa por este recoñecemento a un investigador nato. Cal Pardo naceu na parroquia de Santa María de Galdo, no Concello de Viveiro, o día 8 de novembro de 1922. Estudou no Seminario de Mondoñedo e na Universidade Pontificia de Comillas, en Santander. No ano 1946 licenciouse en Teoloxía e no 1969 fíxose doutor en Teoloxía por esta mesma Universidade, en Madrid. Entre 1946 e 1967 Enrique Cal Pardo exerceu como formador de Teoloxía Dogmática, e tamén como reitor no Seminario Conciliar de Santa Catalina en Mondoñedo. De seguido Cal Pardo ensinou no Instituto Teoóxico Compostelano ata o ano 1992.

   O seu bispo nomeouno coengo arquiveiro da Catedral mindoniense en 1953; pro-canciller do Bispado en 1958, examinador sinodal e censor de oficio no 1960. Desde o ano 1979 ata hoxe exerce como deán da catedral e como arquiveiro, cargos aos que engade o de bibliotecario desde o ano 2003. Don Enrique é un gran investigador como demostran os seus traballos reflectidos na importante Revista Estudios Mindonienses. Entre eles cabe salientar os seguintes:

–Transcripción de los Sínodos anteriores al Concilio de Trento, en Synodicon Hispanum I. Galicia (Salamanca, 1981).

El Monasterio de la Isla de la Coelleira (Madrid, 1983).

El Monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos (A Coruña, 1984).

Catálogo de los documentos medievales, escritos en pergamino, del Archivo de la Catedral de Mondoñedo (Lugo, 1990).

Mondoñedo: Catedral, Ciudad, Obispado en el siglo XVI. Catálogo de los documentos del Archivo (Lugo, 1992).

– La Música en la Catedral de Mondoñedo (Lugo, 1996).

Colección Diplomática Medieval del Archivo de la Catedral de Mondoñedo. Transcripción íntegra de los documentos (Santiago de Compostela, 1999).

Episcopologio Mindoniense (Salamanca, 2003).

   A súa produción científica pódese consultar no portal Dialnet. No ano 1997, o Goberno galego concedeulle a Medalla de Galicia. Este historiador sempre estivo metido na vida tanto espiritual como cultural de Mondoñedo e do seu territorio diocesán. Por se fose pouco forma parte do padroado de varias fundacións e en varias iniciativas culturais, espirituais e académicas. Grazas ó seu traballo de arquiveiro achegou ós investigadores o inmenso patrimonio documental tanto do cabildo como da catedral. Tamén él traballou arreo para dalo a coñecer tanto a nivel divulgativo como erudito. Cal Pardo produxo unha obra investigadora de tal calibre que hoxe é referente fundamental para coñecer a historia destes territorios da mitra mindoniense na Idade Media. A súa será a homenaxe a un home bó, de fe e de ciencia, un facedor da galeguidade máis auténtica, con seriedade, con rigor e humildade, sen aspaventos. Así traballan os máis grandes.

Publicado enGaliciaHistoriaInvestigaciónMondoñedoPatrimonio documentalPublicaciones

Un comentario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *