Saltar al contenido

Oitocentos anos de legado franciscano en Ourense

Cuberta do libro Los tres conventos de San Francisco de Orense: monografía crítica-vindicativa  / P. Doroteo Calonge O. F. M.. Oseira (Ourense): [s.n.] (Hodire), 1949.
Cuberta do libro Los tres conventos de San Francisco de Orense: monografía crítica-vindicativa / P. Doroteo Calonge O. F. M.. Oseira (Ourense): [s.n.] (Hodire), 1949.

JESÚS MANUEL GARCÍA. Na sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense hai un reclamo cultural que nos pode facer máis levadeiro o paso do verán pola cidade. Referímonos á exposición O legado de Asís: franciscanos e clarisas en Ourense, que está dispoñible ao público ata o nove de outubro.

   A mostra comeza coa chegada dos franciscanos a Galicia pois segundo a tradición San Francisco fundou un convento en Santiago hai perto de 800 anos, aproveitando a súa pelerinaxe  á tumba do Apóstolo. Aquel convento, do que os documentos comenzan a falar del anos despois da presenza de Francisco de Asís, pasou a converterse nun dos máis renomeados en todo o territorio ibérico. Foi ese centro o punto de partida para fundar outras casas xa fose en vilas ou en cidades de todo o Noroeste.

Testamento de doña Violante, reina de Castilla, en el que manda "mi cuerpo enterrar en este monasterio de Allariz ... en derecho del altar de Santa María del coro de las dueñas", y 200.000 mrs. para la obra del Monasterio y para heredamiento, y "toda mina capilla ..." Copia do século XVII AHPOu, Clero. C-9781/15
Testamento de doña Violante, reina de Castilla, en el que manda «mi cuerpo enterrar en este monasterio de Allariz … en derecho del altar de Santa María del coro de las dueñas», y 200.000 mrs. para la obra del Monasterio y para heredamiento, y  «toda mina capilla …» Copia do século XVII, AHPOu, Clero. C-9781/15

   A presenza dos franciscanos en Ourense tivo lugar por vez primeira na metade do século XIII, dotándose dun templo no centro da cidade e levantando unha casa para as irmás clarisas na vila de Allariz (docs 1, 2, 3). A presenza franciscana en Ribadavia e Monterrei coñécese desde o século XIV. No XVI, ou sexa, no ano 1529 fundouse o convento do Bon Xesús de Trandeiras, en Xinzo, curiosamente o único que construíron no rural. Convén sinalar que no que hoxe coñecemos como provincia de Ourense a orde relixiosa máis numerosa entre as mendicantes, por membros e casas, foi a dos franciscanos.

   A mesma arquitectura destes frades reflicte a súa actuación como tales. O seu carisma non era dedicarse á vida contemplativa intramuros. O seu fundador lles imprimiu ese carácter de ir predicar fóra dos conventos para ganar ánimas, o que eles chamaban a santa familia. Nas súas igrexas, ben deseñadas para a palabra, espallaron a pobreza evanxélica e un detalle do que se valeron para chegar á xente foi o emprego da lingua de cada terra, desbotando o latín. Deste xeito todos podían entender ben o que estes homes dicían desde o púlpito.

   Os franciscanos tiñan unha importante relación con América e co Oriente grazas aos seus misioneiros, entre os que hai algúns santos mártires ourensáns. Do mesmo xeito formaba parte do seu traballo diario dar servizo aos peregrinos, aos pobres e aos enfermos, accións que desenvolvían nos seus conventos ou en centros específicamente preparados para tal obxectivo, pensemos no Hospital da Nosa Señora dos Anxos establecido en Ribadavia.

Orense : Ábside del exconvento de San Francisco. – Ourense: La Región, [anterior a 1927]. 1 fot. (tarxeta postal): br. e n. ; 12 x 18 cm. – (Colección Nº 1 de La Región)   AHPOu. Colección fotográfica.
Orense : Ábside del exconvento de San Francisco. – Ourense: La Región, [anterior a 1927].
1 fot. (tarxeta postal): br. e n. ; 12 x 18 cm. – (Colección Nº 1 de La Región)
AHPOu. Colección fotográfica.

   Os franciscanos en Ourense cidade non sempre tiveron as cousas doadas, pois o bispo instigou o incendio do seu convento perto da catedral, tendo que reubicarse anos despois na falda do Montealegre, onde construiron un claustro de gran fermosura e unha igrexa de non menor interese, hoxe trasladada e descontextualizada, aparte de “afogada” no Parque de San Lázaro. No Montealegre viviron ata que no ano 1835 o ministro Mendizábal levou a cabo a Desamortización dos bens da Igrexa, o que supuxo a exclaustración das comunidades relixiosas establecidas en España, entre elas, as dos franciscanos. As casas conventuais ourenás tiveron, commo consecuencia.

   Os catro conventos franciscanos da provincia de Ourense correron sortes diferentes tras a desamortización. Os edificios aos que se lles deu un uso público perduraron, o mesmo que a igrexa, xunto cos templos de Trandeiras e Ribadavia, quedando en ruina os inmobles conventuais como o da Limia, vendido en poxa pública. O convento de Monterrei acabou desmontado pasando a formar parte as súas pedras do pavimento das rúas, grazas á entrega que del fixo o Estado aos veciños e ao Concello. Pedras do convento hainas tamén no templo parroquial.

1560, xullo, 8. Toledo / 1611, abril, 18 Expediente do xuro outorgado a favor do convento de Santa Clara de Allariz de 29804 maravedís anuais situados sobre as alcabalas da cidade de Ourense Carpeta 6, nº 94
1560, xullo, 8. Toledo / 1611, abril, 18
Expediente do xuro outorgado a favor do convento de Santa Clara de Allariz de 29804 maravedís anuais situados sobre as alcabalas da cidade de Ourense
Carpeta 6, nº 94

   Nesta mostra do Arquivo Histórico Provincial de Ourense tamén se fala da volta dos franciscanos co gallo da Restauración borbónica no 1875, que fixo posible que regresaran a España as ordes relixiosas que xa tiveran presenza neste territorio e outras novas. A finais do século, no 1883 houbo unha comunidade franciscana que viviu en Ervedelo, onde fundou a igresa da Virxe de Vista Fermosa. No 1925 estes frades pasaron a vivir nunha casa no Campo de San Lázaro, e para carón deste inmoble decidiron baixar do Montealegre a igrexa gótica, tarefa que se desenvolveu entre os anos 1927 e 1929.

   O bispado de Ourense puxo nas mans desta orde mendicante, no ano 1915, a administración da igrexa ribadaviense do vello convento de San Antonio. Os propios frades adquiriron unha parte do edificio que se atopa a carón do templo, onde estaba o antigo convento, onde, unha vez arranxado para vivir, devolvéronlle a vida na vila do Avia á chamada Venerable Orde Terceira. Alí mesmo crearon tamén a Xuventude Antoniana.  O paso dos franciscanos por case oitocentos anos da historia de Ourense deixa no tempo unha morea de accións boas e outra non menos importante de bens que constitúen un tesouro patrimonial de primeira magnitude. Só pensar nas igrexas e nos conventos, como bens máis visibles, coas súas linguaxes simbólicas mantendo un dircurso de interese. Ou no que non se ve, é dicir, os documentos que se gardan no Arquivo grazas aos que é posible contar todo o que nestas liñas se reflicte e moito máis, para recuperar a súa traxectoria, a súa memoria, a duns homes e mulleres que se deixaron engaiolar por un mozo de Asís que, de telo todo no material, deixouno todo para ter moito máis, no espiritual. Aquel Francisco que falaba e instruía aos paxaros e que estaba irmanado coa Natureza. Pola súa vida e obra, acabou morrendo con fama de santidade e hoxe coñécese como santo seráfico.

   Esta condición de seráfico ven das nove categorías de anxos que atopou en diferentes pasaxes da Biblia no século VI, Dionisio o Aerópago. É unha relación composta por nove coros anxelicais: serafíns, querubíns, tronos, dominacións, virtudes, potestades, principados, arcanxos e anxos. Os primeiros na xerarquía anxelical son os serafíns. Na vida de San Francisco, cando recibiu no seu corpo o estigma das feridas da Paixón de Xesús, aparecéuselle un Serafín con seis ás de lume baixo o ceo, mostrándoselle como se dun home crucificado se tratase.

1843-1844, Ourense Carta de pagamento do expediente de venda do edificio do Convento de Bon Xesús da Limia Delegación do Ministerio de Facenda en Ourense, C-68/12
1843-1844, Ourense. Carta de pagamento do expediente de venda do edificio do Convento de Bon Xesús da Limia. Delegación do Ministerio de Facenda en Ourense, C-68/12
A exposición está aberta ata o día 9 de outubro. FOTO: Cedida AHPOU
A exposición está aberta ata o día 9 de outubro. FOTO: Cedida AHPOU

   A maior parte do legado documental franciscano que se custodia no AHPOU procede do mosteiro de Santa Clara en Allariz. Do resto das casas ou conventos consérvase menor documentación ou ningunha, caso este último que se da en Monterrei. A exposición no Arquivo ocupa o vestíbulo de entrada, un espazo de pedra e reducido, que fai máis íntimo o botar os ollos por riba das vitrinas e paneis explicativos que consiguen ofrecernos unha información fácil de dixerir nun descanso que poidamos facer dun paseo pola vella Auria. Información que non é outra cousa que un falarnos do pasado rico de Ourense. Coñecer o noso para, unha vez máis, respectalo e, porque non, estar fachendosos delo.

Publicado enAllarizMonterreiOurensePatrimonioRibadaviaXinzo de Limia

Sé el primero en comentar

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *