Ir al contenido

Un libro afonda na alma valdeorresa de Fontei

Enrique Rodríguez Sotelo é o autor da obra “Fontei. HIstoria de un pueblo”

JESÚS MANUEL GARCÍA. Di o antropólogo xaponés Tetsuro Watsuji que cada un de nós leva no seu corpo un pasado que vén determinado polo clima e pola paisaxe. Clima e paisaxe son históricos e neste clima e paisaxe da nosa terra, da nosa comarca, hai motivos dabondo para celebrar o que somos como sociedade que afirma os seus alicerces na longa historia que ten este escenario natural no que desenvolvemos o noso día a día.

Segundo Collingwood, a materia de coñecemento da Historia non é o pasado como tal senón aquel pasado do que nos queda alguna proba ou evidencia. Germaine Tillion sinalaba que dado que o pasado pode decirnos algo acerca do futuro, como apuntaba John Weiss, O porvir non se prepara sen aclarar o pasado.

Pois ben, o noso amigo e veciño Enrique Rodríguez Sotelo vén de amosarnos un traballo no que andivo metido nos últimos tempos, para saber máis deste Fontei da súa vida e desta vila de A Rúa pintada maxistralmente na paisaxe natural valdeorresa.

Temos una criatura ou mentefactura que leva por título Fontei. Historia de un pueblo, que sae ás librerías coa editora local A Pena D’Agua Edicións. En algo máis de 150 páxinas hai datos para disfrutar coas cousas de Fontei, co Fontei doutros anos, doutras décadas, doutros séculos. Rodríguez Sotelo lévanos de puntiñas pola historia máis antiga, coa chegada da romanización, citando os núcleos poboacionais deste lugar, entre eles o hoxe chamado da Santa e O Castrillón, lugar estragado coa obra da estrada nacional e os deficientes controis arqueolóxicos.

Vai pasando a historia por estas páxinas e Enrique fálanos do paso por esta terra do Camiño de Inverno, utilizado desde séculos atrás polo que se chegaba a Galicia a traverso da terra na que nos atopamos, Iorres, vello condado do que se conta como primeiro conde a Bermúdez Gatoniz.

Repasando esta obra o seu autor dinos que cando viñeron as tropas napoleónicas destruiron a Casa Grande e desgraciaronlle a viña e na veciña parroquia da Rúa queimaron a reitoral. Aquel século XIX que botaba a andar traería, no seu solpor, o progreso a esta terra co gallo da posta en servizo da líña ferroviaria entre Palencia e A Coruña. Instalar una estación na parroquia transformaría, e de que modo, este lugar. A estación púxose no medio de A Rúa e de Petín, en territorio parroquial de Fontei, e xa ven vostedes o que aconteceu. Creceu un novo núcleo de poboación, o populoso barrio da Estación, a actual vila de A Rúa. A ese barrio novo foron chegando comerciantes e industriais que lle deron pulo. O barrio da Estación débeselle, apunta Sotelo, a Pedro Gayoso, emprendedor e industrial.

Outro nome famoso en Fontei é o de Telesforo Ojea Somoza, político e vocal do Consello do Partido Republicano Federalista e intelectual, que nacendo na provincia de Lugo desde moi cativo xa viviu cos seus país na Casa Grande de Fontei. Pero se o tren traía progreso, aqueles anos finais do XIX serán recordados pola praga da Filoxera, o mosquito que fixo das súas nas viñas valdeorresas. Naqueles tempos comezaba a emigración temporeira a Castela para segar os campos amarelos, traballos para manter ás familias.

Se os romanos foron quen de desenvolver a minería nesta terra, coa entrada do século XX Fontei contaba cunha compañía belga de extracción de ferro dos seus montes. O material levábano ata a estación do tren mediante un teleférico, pero todo se desbotou co gallo da Primeira Guerra Mundial, dado que os belgas decidiron voltar ao seu país.

Unha importante iniciativa para o pobo foi a construcción dun novo templo. Este que temos aquí, do que se dí que ten a inspiración de Antonio Gaudí, quen viñera a pasar uns días de descanso coa familia da Casa Grande e a quen Ramona Ojea Somoza e o seu marido Leopoldo Casanova Meruéndano, deberon animalo a deseñar unas trazas para levantar nova igrexa en Fontei. As pedras foron traídas en carros de bois desde As Pedreiras. O templo resultou consagrado e dedicado a San Andrés no 1903. A casa que tallou os retablos é a firma ourensá Sagrada Familia, que inda hoxe segue en activo en Parderrubias co equipo do amigo Pablo Garrido.

Xa temos estación, dispomos de igrexa pero inda faltaba algo. Naqueles primeiros anos do século XX un grupo de veciños de Fontei conseguiu que a sede do Concello de A Rúa se instalase máis perto de Fontei, vamos, no territorio da súa parroquia. Tamén neses anos houbo aquí banda musical, denominábase Pársifal, iniciativas que se veu abaixo por un feito escandaloso do seu director, que se viu con tantos cartos de recadación de concertos que non dubidou en fuxir. Nada novo baixo o sol. En 1929 Fontei e o barrio de A Estación constituíronse como parroquia o que supuña desligarse da feligresía de San Esteban de A Rúa.

Menciona Enrique da chegada e xestións previas para traer una imaxe portuguesa da Virxe de Fátima, que foi todo un acontecemento naqueles anos corenta de posguerra e de nacionalcatolicismo. Por estas ruas de Fontei pasou un discípulo de Marconi, o señor Romero do que se valeu o párroco José Cepedano para montar a emisora Radio Fontei, que saía ao aire de dez da mañá a dez da noite.

No pobo contábanse dúas escolas públicas e as dúas privadas das maestras Charito e Maruja. Na Estación había dúas academias privadas para bachalerato. Os alumnos íban a examinarse a Monforte. Pero xa desde os anos 50 Fontei comezou a modernizarse nesto das instalación académicas coa chegada do colexio Nosa Señora de Fátima, popularmente conocido entre nós como as monxas. Primeiro rexentárono as Carmelitas de San Xosé e despois as Hijas de la Caridad de San Vicente de Paúl.

Na década dos 50 contou Fontei cun campo de fútbol na Cigarrosa e viu converterse o famoso río Sil nun encoro que anegou una superficie importante de cultivos dos vecinos de Fontei e da Estación e por máis descontento que houbo dada a miseria das indemnizacións, o proxecto non se torceu.

Volvemos ao ensino porque nos anos 60 abriuse en Fontei un novo centro educativo: O Colexio diocesano Pablo VI que a punto estivo de chamarse Juan XXIII se non fora porque este pontífice xa morrera. Era bispo da cadeira asturicense don Marcelo e párroco en Fontei Don José. Apoiaron un centro con capacidade para medio milleiro de rapaces cun gran internado. Moitos alumnos de Valdeorras e doutras moitas comarcas e provincias se formaron na Cigarrosa.

Fontei constituiuse en cabeza de arciprestado, esto é, parroquia que coordina a outras: Petín, Larouco, A Rúa, O Bolo e Vilamartín. Todos recordamos as obras da N-120 por estas terras, a popularmente chamada autopista, que non era tal. O seu trazado por terras ruesas motivou una oposición firme de vecinos afectados que non deron o brazo a torcer ante as autoridades do réxime.

Enrique Sotelo complementa o seu relato coa vida cotiá, é dicir, cunha estampa para ver como xoagaban os vecinos; as festas locais, tendo na Estación a de San Pedro que máis tarde converteríase na do Emigrante. Pero tamén estaban as festas do San Andrés, as da Expectación e a celebración só relixiosa da Virxe de Fátima. Hoxe a festa grande de Fontei é na que estamos, a do San Antonio de Padua. Recóllense as festas do calendario etnográfico e as feiras, que xa non son o que eran pero inda inda.

Tras o percorrido que Rodríguez Sotelo fai no seu libro, ofrece varios roteiros polo territorio de Fontei. Non temos ningún de nós dúbida da fermosura desta nosa paisaxe. Engaiolante. Enrique lévanos ata o solicitado Barranco Rubio con moitos detalles. Tamén nos propón camiñar no tramo Fontei-Vilela-Fontei. Ou a ruta a San Xulián do Monte. Non podemos deixar de ir a Roblido, andaina esta certamente promovida polos Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras e vén ser una homenaxe a Cecilio de la Torre, o noso Celín.

Trece kilómetros ten a Ruta do Pote e aínda nos ofrece outra máis, a de Cereixido e Fiais. Son modos de disfrutar dun cuadro, o do val de A Rúa e Petín en Valdeorras. Son modos de quedar prendados de verdes, azuis, ocres, morados, amarelos…. As cores todas da paleta do mellor pintor, cores entre os que se agouchan capelas e un sinfín de recursos patrimoniais para coñecer ben e conservar.

Benqueridos amigos, esto é, grosso modo, o que nos trae Enrique Rodríguez Sotelo. Unha achega á alma do seu pobo nun libro que se constitúe como conxunto de datos que ben poideran abrir futuras investigación para seguir afondando no que nos rodea.

Para unha persoa que nada ten que recordar, a vida convérteselle en algo certamente pobre. En Fontei hai moito que recordar, inda moito máis do que Enrique nos mostra. Recordar feitos, lugares, personaxes e disfrutar con elo, mergullarnos nese fluxo de felicidad que nos provocan as actividades placenteiras, ese fluir da felicidade do que teorizou Mihály Csíkszentmihályi . O que fixo o noso autor foi un acto de amor polo seu pobo, un cariño do que nos fai a todos partícipes. Para que coñezamos tantas cousas da Fons Vini, Fons Avrea, a fonte do viño e do ouro; que expresión tan engaiolante para decir Fontei!

Publicado elA RúaPublicaciones

Un comentario

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

error: Content is protected !!