CPXG. A posta en marcha da iniciativa ‘Xornalismo na Escola’, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Obra Social ‘la Caixa’, está tendo moi boa acollida entre o alumnado da ESO, entre o que se detectan eivas no coñecemento do dereito á información. Os obradoiros de ‘Xornalismo na Escola’ para 3º e 4º da ESO dos institutos de educación secundaria de Galicia, postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Obra Social ‘la Caixa’, comezaron a súa andaina espertando grande interese entre os e as escolares. O balance dos tres primeiros talleres, realizados no IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, no IES Illas Ons de Bueu e no IES Pintor Colmeiro de Silleda, deita algunhas reflexións sobre as maneiras de se achegaren as e os adolescentes á comunicación.
Totalmente inmersos desde pequenos nas redes sociais, os rapaces e as rapazas mostraron un maior coñecemento e inclinación cara aquelas cuestións e informacións que os impactan a través deste medio. Contodo, as noticias que despertan o seu interese e que comparten nas redes abranguen un abano moi amplo, indo desde temas como o fútbol ou a ecoloxía a polémicas da información autonómica ou anécdotas políticas. As implicacións da súa propia posición como difusores de información, ao compartiren noticias nas redes sociais, foi un dos aspectos que máis sorprendeu e interesou ao alumnado.
Porén, os obradoiros mostraron tamén que continúa a existir moito descoñecemento dos deberes e dereitos do exercicio do xornalismo, algo que confirma a necesidade de achegalo ás aulas. A figura do e da xornalista e, en xeral, a súa responsabilidade, é ignorada, situando aos profesionais como simples distribuidores de información, até o punto de que causou sorpresa entre algúns alumnos que Xornalismo fose unha carreira universitaria. De igual xeito, detectáronse eivas no coñecemento de dereitos básicos como os da libre información, da honra, da intimidade ou da propia imaxe.
Os talleres de ‘Xornalismo na escola’ celébranse en diversos centros educativos, entre eles o IES David Buján de Cambre, o IES de Poio, o IES Xulián Magariños de Negreira, o IES Plurilingüe Fontexería de Muros e o de Salvaterra de Miño, iste mércores 16); no IES Plurilingüe de Ames (xoves 17) e filnalmente no IES Plurilingüe Maruxa Mallo de Ordes, no IES Terra de Xallas de Santa Comba, no IES Pino Manso de Porriño e no IES Monte da Vila do Grove (venres 18).
Durante os meses de marzo, abril e maio, seis xornalistas colexiados do CPXG, impartirán ata un total de 60 talleres, de 90 minutos de duración cada un, entre IES de toda a comunidade. Calcúlase que a iniciativa chegará a uns 2.400 rapaces e rapazas de centros de educación secundaria situados en poboacións cun número de habitantes reducido. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra son algunhas das localidades ata onde chegarán os talleres.
Juan Modesto del Río, Jesús Manuel García , Olalla Liñares, Rebeca Romero, Mayte Silva e Víctor Sariego son os seis xornalistas encargados de impartir os obradoiros e de elaborar a unidade didáctica que se imparte neles. Juan Modesto del Río, licenciado en Xornalismo pola USC, traballou, entre outros medios, en La Voz de Galicia e varias televisións locais, ademais de colaborar na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Jesús Manuel García, licenciado en Ciencias da Información pola Complutense de Madrid, traballou en La Voz de Galicia, Antena 3 Radio e Radiovoz Valdeorras. Olalla Liñares, graduada en Xornalismo pola USC, traballou como bolseira na Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Radio Galega, Radio Negreira e colaborou con medios como España Exterior ou Compostimes. Rebeca Romero, licenciada en Xornalismo pola USC, traballou en gabinetes de comunicación, en diferentes medios como La Voz de Galicia, Axencia EFE ou Infolibre e nestes últimos anos estivo en Latinoamérica desenvolvendo a súa carreira profesional. Mayte Silva, licenciada en Xornalismo pola USC, desenvolveu a meirande parte da súa traxectoria profesional en gabinetes de comunicación como o do Concello de Lugo ou na Xunta de Galicia. Víctor Sariego, licenciado en Xornalismo pola USC, traballou en Oviedo TV, no xornal ovetense La Capital, El Progreso Asturiano, Diario de Pontevedra, Xornal de Galicia, así como noutras publicacións.
Este proxecto foi posible grazas a un acordo acadado a finais do ano pasado entre o Colexio de Xornalistas e a Obra Social ‘la Caixa’. Asemade, a Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa noutras cidades e comunidades autónomas, onde xa fai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid, son algúns deses lugares onde se ven celebrando talleres de similares características.
Sé el primero en comentar