Saltar al contenido

As pedras sagradas de Cea

Espectacular imaxe das bóvedas da Sala das Palmeiras. FOTO: Xulio Gil
Espectacular imaxe das bóvedas da Sala das Palmeiras. FOTOS: Xulio Gil

JESÚS MANUEL GARCÍA. Ten Cea dúas clases de pedras, ambalas dúas de renome: as pedras nobres, cargadas de historia, pedras sagradas como as do seu mosteiro de Oseira, e as pedras alimenticias con forma non menos sagrada de pan. Dúas vertentes monumentais deste concello ourensán que se reflicten no centro multiusos nunha exposición do grande fotógrafo Xulio Gil. O pan ten o seu retablo na sala, cunha composición fotográfica que amosa no centro a espiga, o gran e no ático, o pan bendecido polo lume que o tosta. Á dereita e á esquerda, dúas imaxes da masa revolta que pega forte na retina avivando o sentemento de fame por saborear tan rico produto. Por debaixo das imaxes da masa, outras do pan recén feito. É, xa saben, o único pan con Indicación Xeográfica Protexida que temos.

O retablo do Pan de Cea, o único con IXP.
O retablo do Pan de Cea, o único con IXP.

Pero na sala hai outras fermosuras que avivan o sentemento da beleza, do trascendente, o misterio e o bo gusto como é a serie de fotos recén feitas do mosteiro de Santa María de Oseira. O fotógrafo aplicou o seu saber para causar sensacións varias, todas positivas, vendo unha perspectiva espectacular da bóveda da sala das Palmeiras, antiga sala do Capítulo. A vista da igrexa desde o chan, podería decirse, é orixinalísima, pois vemos o cruceiro, parte da bóveda da nave maior, parte da do transepto e o desenvolvemento aéreo da capela maior. Outras da propia capela e da cúpula. Ou as da escaleira de honra e a dos bispos. Todo en Oseira ten significado, linguaxes agochadas nun edificio no que nada está ao azar. Falamos dun inmoble ou máquina perfecta na que todo está medido debidamente, inda que a moitos lles custe entender funcións, de uso do día a día do mosteiro que hoxe se perderon ou sinxelamente se modificaron.

Imaxe da masa do pan antes de poñer a cocer.
Imaxe da masa do pan antes de poñer a cocer.

A portada da fachada barroca do cenobio chama a atención pola luz solar que ten. É case difícil de explicar tanta beleza e tanta sensación. Unha luz estrana que derrama sobre o constuido certa morriña,  certo sosego… unha luz inquedante que deixa ver os segredos, a linguaxe oculta ornamental deste punto onde se atopa a gran porta que permite acceder a outro mundo, a outro ritmo, a unha vida marcada por unha cultura de séculos, de silenzos e de santos que se vén desenvolvendo século tras século.

IMG_8114
Santos Bernardo, Famiano, Benito e Santiago, colocadas as súas fotos deste xeito plástico polo autor da exposición.

San Famiano, San Bernardo, San Benito e Santiago están postos formando unha serie os catro, cada ún co seu báculo, cada ún amosando a maestría de quen os tallou. Son fotos de catro obras escultóricas impresionantes. O fotógrafo conseguíu incluso un ángulo novidoso para inmortalizar o sur do mosteiro. A súa pesada mole grisenta e modulada en volumes horizontais sobre os que despuntan as torres da igrexa, as chimeneas, portas, balcóns e fiestras que se asoman a unha paisaxe natural impresionante, os campos do mosteiro, onde en tempos estaba o horto de plantas mediciñais.

A pesares da luz dos focos reflectida nas fotos nesta sala de Cea, pódese advertir a interesante fermosura desta perspectiva do cruceiro e capela maior da igrexa medieval do mosteiro.
A pesares da luz dos focos reflectida nas fotos na sala de Cea, pódese advertir a interesante fermosura desta perspectiva do cruceiro e capela maior da igrexa medieval do mosteiro.
IMG_8113
Xulio Gil, no medio, co alcalde, José Luis Valladares e co profesor Javier Limia Gardón. FOTO: J.M.G.

Estas marabillas que saíron da cámara do seu autor pódense ver estes días en Cea. E serven como entrante ao curso da UNED que terá lugar o venres 4 e o sábado 5 de marzo, tanto en Cea como no mosteiro, para coñecer e mellor entender esta presenza cultural, espiritual e a súa irradiación nesa terra especial que non foi calqueira cousa. A potencia de Oseira faise rechamante nesta exposición que convida a visitar con calma as pedras monásticas. Velas, tocalas, entendelas e afondar no silenzo roto pola auga que cae das fontes e canta axudada pola acústica pétrea dos claustros.

Publicado enArquitecturaArteFotografíaOseiraOurensePatrimonio

Sé el primero en comentar

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *