Saltar al contenido

Barquiña de Cesantes

FOTO: V. Escudero
FOTO: V. Escudero

JESÚS MANUEL GARCÍA. Formas parte da paisaxe mariña no mar de Cesantes, barquiña feiticeira, compendio de cultura tradicional, sabiduría galega mecida nas augas do Atlántico amansado no fin da Ría de Vigo, que agarimosa bicas. Barquiña branca, amarela, azul e bermella, que das cor e encanto á praia cesantina, enmarcada como estás na túa danza diaria pola estampa da illa de San Simón. Barquiña da praia, a ela xunguida por unha corda.

   Tanto ten que agora esteas apoiada, durmindo na area como despois flotando na auga, segundo os ciclos da marea. Sempre disposta, mirando á fronte, encandilando a vista, facendo paisaxe en histórico lugar. Gardas moito bon facer dos mariñeiros galegos de sempre, catedráticos do mar, na túa sinxeleza e pequenez. Bicas as augas que cercaron noutro tempo lonxano á namorada da ermida de San Simón que suspirando andaba polo seu mozo. “Non hei barqueiro nen remador” cantaba a moza, ante o altar e cercada polas “ondas grandes do mar”, océano de mil batallas, de mil historias e intrahistorias. En ti, barquiña, hai remador, que ben te coida mais non hai moza ante o altar. A illa está silente. De cando en vez saen berros e notas musicais de concertos estivais, vese xente de excursión, pero non hai namorada “atendendo ao meu amigo” no pequeno arquipélago a carón do cal, ti ben o sabes, vixía o capitán Nemo o traballo dos submarinistas á procura do tesouro de Rande.

FOTO: V. Escudero
FOTO: V. Escudero

   Ere-la máis fermosa embarcación que na praia hai. Outras levan motor, teñen máis potencia, son máis modernas. Só iso. Inda que só serves agora para acceder a un barco de pesca, eres irrepetible, barquiña feiticeira, como única é a cultura que representas, a Galicia mariñeira, no grande mar de Vigo. Simbolizas vida, camiño certo pero tambaleante, como a propia existencia da xente. Manténdote nun equilibrio obrigado para non te fundir.

   Remites á seguridade no medio do perigo das augas revoltas favorecendo a travesía da existencia e das existencias como signo da viaxe ao alén que se che da desde a cultura exipcia. E bailas coas ondiñas, perto da orilla, onde os moluscos xogan ao escondite da vida na area mollada. Vixías fachendosa, e faste respectar coa túa idade materializada en madeira revestida de cores. Detrás túa, en terra, ponche os olliños de pedra a imaxe da Virxe do Carmo, que ten moderna capela e todo. Ensenada, illa, area, capela, galeóns, Verne. Ere-la barca da beira do mar “pra ir a navegar” amodiño polo prato azul daquel escenario natural. Que cousiña tan linda eres, madeira feita arte, con personalidade propia. Polo que luces, polo que ensinas, polo que espertas. Polo que eres.

Publicado enGaliciaPatrimonioVigo

Sé el primero en comentar

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *