JESÚS MANUEL GARCÍA. Coñeceremos hoxe diversos sitios arqueolóxicos de Vigo e da costa pontevedresa. O noso percorrido comeza na Vila romana de Toralla, municipio de Vigo. Caracterízase Vigo por ter unha importante cantidade de xacementos arqueolóxicos desde que se desenvolveu e ampliou o interese polo estudo do pasado local desta cidade industrial. Mais a ocupación desta costa non foi somentes cousa propia dos romanos, pois xa estaba habitada en época castrexa. Sen ir máis lonxe, na cercana illa de Toralla existe un castro. Houbo unha maior ocupación coa chegada da romanización, se cabe, debido á industria mariña coas factorías de salgaduras.
En Toralla amósasenos unha vila que é bo exemplo de construcción costeira baixorromana. De feito, a vila de Toralla debémola ubicar no que Pérez Losada denomina segunda fase ou fase de consolidación e xeneralización, no Baixo Imperio, é decir, entre os séculos III e IV da nosa era. Especialmente, sinala o autor, nesta última centuria. Foi a época de expansión das villae por toda a Gallaecia, tempo no que se deu unha importante ruralización do hábitat romano. Mais o sistema de ocupación do territorio rural en villae seica se mantivo na Gallaecia ata o século séptimo e incluso no VIII.
Atopamos en Toralla unha vila formada por un grupo de edificios que se distribúen en 1.500 metros cadrados. A residencia do dono ou dominus estaba no edificio principal, que sería de planta baixa e cuberto con tellado a dúas augas. A planta é rectangular, moi alongada, que ten unhas medidas aproximadas de 43 x 14 metros e que na fachada norte tiña un corredor con pórtico sobre puntais de madeira con apoios de perpiaño de granito. No sur tiña ábsida. Xusto no medio desa fachada está a entrada á casa, pasando a un espazo ou sala de recebemento pola que se accedía á pars urbana, ou sexa, a parte residencial do dono e a súa familia. Alí están os alicerces do comedor ou triclinium, o salón de recepción e audiencia para autoridades e amigos. Hai tamén unhas termas privadas e catro espazos habitacionais que posiblemente foran os dormitorios ou cubicula. As termas tiñan unha soa estanza con mosaico no pavimento do que foron recuperados fragmentos pequenos con ornamentación vexetal e xeométrica.
As termas estaban caldeadas grazas ao hipocausto e contaban con dúas bañeiras, unha para conter auga quente e a outra, fría. O suministro de auga quente facíase grazas a un depósito a modo de caldeiro de bronce que se sitúa enriba do forno. Desde alí era distribuida ás bañeiras a traverso de tubos de chumbo. Así vemos un edificio principal, estanzas de servizo, un inmoble secundario e unha salina.
Sería Toralla unha villae encadrada no conxunto das casas de campo ricas ou acomodadas, segundo a clasificación do profesor Pérez Losada, e teñen signos de contar con cultura material refinada, desde a presenza de termas ata mosaicos ou estucos.
A villae de Toralla foi posta en valor para dala a coñecer ao gran público valéndose de medios interpretativos que permiten achegar o que foi ao visitante. Cecais o único problema é a restricción horaria que ten un xacemento da envergadura deste. Trátase dunha das máis importantes vilas de Galicia tanto polo estado de conservación que amosa como polos estudos sobre ela feitos. Parece que a principal actividade económica era a obtención do sal e que podería satisfacer a demanda deste produto desde outras villae veciñas dedicadas á salgadura. Entre os obxectos recuperados en Toralla hai unha vasilla pintada, de tamaño grande, que estaba xunto á porta da vivenda. Ten deseños figurativos e xeométricos.
De seguido imos coñecer o Castro da Punta do Muiño do Vento, en Vigo. Foi descoberto cando comezaron as obras para levantar o Museo do Mar, no ano 2001. O xacemento é bon exemplo para sinalar a importancia das relacións comerciais marítimas na antigüedade. O que hoxe vemos non é a paisaxe que tivo este castro. Séculos atrás, o Atlántico feito ría envolvíao case por completo. Estaba nun lugar resgardado e apto para os cultivos en terra e para mariscar.
A partires do século VIII antes da nosa era xurden vestixios de relacións comerciais con Cartago, que inicia a colonización do sur da Península Ibérica aló pola terceira centuria antes de Cristo. Aquelas relacións comerciais trouxeron incluso estilos de vida e de crenzas. Esto vémolo in situ no pequeno altar que se nos amosa, altar de culto púnico. Sinal de que os comerciantes que viñan por mar traían con eles o culto ás súas divinidades.
Este asentamento quedou abandoado polo século II antes de Cristo a pesares de que volveu ser habitado no século I por pouco tempo, xurdindo contactos comerciais cos romanos. Foron atopados muiños circulares, pezas cerámicas de factura romana, que son exemplos da intensa relación mercantil establecida desde este castro co mundo romano.
Sen sair de Vigo, visitamos a Salinae. Inda que o actual urbanismo da cidade olívica nos faga parecer o contrario, todo o tramo hoxe urbano entre o casco vello e o Areal soportou hai dous mil anos unha intensa presenza romana. Falamos do século I da nosa era, cando a ría viguesa se metía en rutas comerciais estables e comezaba a formarse o xérmolo dun espazo portuario nese entorno do Areal. Nesa zona temos hoxe visitable a Salina.
Os restos mellor conservados que temos dunhas salinas son os desta Salinae viguesa. Así o corroboran Julio Mangas e María del Rosario Hernando no estudo que fan sobre o sal na Hispania romana. Indican que nen o tipo de costa, neen o réxime de choivas, nen sequera o pouco sol axudaban a organizar salinas nesta parte da Península. Se isto non era posible nas Rías Altas nen na costa cantábrica, si o era nas Rías Baixas, concretamente na ría de Vigo, polas axeitadas condicións que tiña para obter sal da auga mariña.
A Salinae do Areal, hoxe rúa Rosalía de Castro, atópase na parte baixa da ladeira norte do Monte do Castro. Xa se constata a existencia dun porto nos séculos II e I antes de Cristo mais a apertura das salinas e dunha factoría de salgadura dátase en época altoimperial. Estes autores subliñan que o coñecemento da existencia de salinas en Vigo reforza a hipótese de que tivo que haber este tipo de instalacións tamén na costa portuguesa.
Hoxe a Salinae é un interesante centro interpretativo no que ao visitante se lle facilitan datos agrupados en oito bloques: 1.-Arqueoloxía na cidade; 2.-Dous mil anos de historia, 3.-O sal da vida; 4.-Sal para salgaduras e salsas; 5.-Unha paisaxe reconstruida; 6.-A salina romana; 7.-Historias do sal; 8.-O sal despois de Roma. O percorrido faise moi atractivo e suxerinte para o visitante ao que se lle advirte que está na única salina romana musealizada de todo o imperio. Un dos detalles que chaman a atención dos rapaces é o garum, condimento romano, licor de pescado que desde o século I da nosa era foi tamén chamado liquamen. Era produto terminal da descomposición de anacos de peixe. Plinio conta que se obtiña a traverso das tripas dos peixes e doutras partes non aproveitables que se poñían a macerar. O garum facíase con especies como a sardiña, o salmón ou as anguías.
Chegamos agorta al Castro da Lanzada, en Sanxenxo. Na Lanzada, xunto á praia do mesmo nome, atopamos un castro que os investigadores adverten que pudo ser a primeira factoría de Galicia na transformación de produtos mariños para a súa exportación. O xacemento data do século VIII antes de Cristo e presenta enterramentos nunha necrópole entre os séculos III e IV da nosa era. O que alí vemos son construcións circulares típicas castrexas, un espazo rectangular con esquinas redondeadas, que sería un posible almacén, e un sector galaicorromano.
Neste castro aparece o concheiro ou vertedoiro, característico dos castros costeiros. Entre os restos atopados habíaos de lapas e de ourizos. Vense tamén pías ordenadas e formadas por unha base de argamasa endurecida e delimitada por pedras fincadas. Sen piletas impermeabeis para poder procesar o peixe e tamén para facer o garum. O castro está protexido por unha cerca de madeira. A zona de escavación vai máis aló do propio castro pois outro espazo aos dous lados da estrada tamén ten potencia arqueolóxica.
Perto deste xacemento vese o que queda da fortaleza levantada no século X polo arcebispo Sisnando II. No 2010 iniciouse unha nova campaña de traballos neste castro que está sinalizado para facilitar unha mínima comprensión de todo tipo de público.
A próxima parada é Adro Vello, no Grove. No termo municipal de O Grove encontrase este xacemento de Adro Vello, xunto á praia de O Carreiro. O que aquí atopamos é unha factoría de salgadura romana. Dise que é moi probable que a houbese debido a que o metro e medio cadrado que ocupan as piletas fai pensar nunha produción industrial máis que nun autoconsumo. Tamén nos está a indicar que habería un considerable desenvolvemento da pesca.
De igual xeito vese unha vila romana, os seus restos, unha necrópole que se formou cando a vila quedou abandonada. Desde os séculos VI e VII construiuse alí unha capela, sobre un chan sagrado de culto ancestral, co gallo de cristianizar a zona. Desa capela vén o nome do lugar: Adro Vello. O templo foi traslado a outro lugar no século XVIII polas incursións dos piratas posiblemente, e polos temporais. Hai asimesmo restos da base dunha torre defensiva da Alta Idade Media.
Rematamos a ruta na Fábrica de Salazón e Centro de Interpretación do Intermareal, a Pesca e a Salga, tamén no Grove. Aquí atopamos varios espazos. En primeiro lugar, un recinto no que se explica o proceso de salgadura do peixe tal e como se facía a finais do século XVIII e comezos do XIX. Este centro ubicase en Punta Moreiras, perto do centro interpretativo. Era a fábrica de salgadura Goday, apelido da familia catalana que a desenvolveu.
Ten muros de cantería, dispón de varios niveis, muros internos dividen distintas estanzas e amosa once machos de cabeza redonda para as prensas de envasado e os pilóns con muros de medio metro de espesor que foron debidamente saneados e levantados ata 1,50 metros máis ou menos de fondo. Un deles ao aire libre e no que se explica o proceso de salazón de pescado que se seguía a finais do s. XVIII e durante o XIX. Situado en Puntas Moreiras, moi perto do acuario. A nave principal alberga unha exposición permanente de carácter etnográfico sobre as artes de pesca e a historia mariñeira de O Grove.
Moi perto desta vella fábrica de salgadura atópase o Centro de Interpretación da Pesca e a Salga, que consta dunha nave na que se amosa unha importante colección de aparellos relacionados co mar, moitos deles son técnicas desenvolvidas ou directamente herdadas dos tempos romanos. A colección é impresionante. Mais botase en falta algún folleto ou pequena publicación sobre este patrimonio etnográfico tan rico.
O CIPES puxo o broche final a un percorrido arqueolóxico cargado de interese nunha xornada dedicada a ver e coñecer in situ xacementos castrexos e romanos nos que se practicaban as tarefas propias da salgadura como medio de vida e de prosperidade comercial nunha costa rica como é a galega nunha terra que xa non se pode decir que era literalmente o finisterrae porque ben ó contrario, esta esquina do mapa contaba desde antigo con rutas comerciais marítimas que dan un cambio grande á concepción que deste territorio moitos poidan ter inda como lugar afastado. Queda moito por aprender dos vestixios dos nosos antergos e saberllelo interpretar ao cidadán de hoxe, para que respecte o noso patrimonio arqueolóxico, como ben se lle di nun dos paneis do castro da Lanzada. Nesas pedras houbo vida, historias, comercio, relixión. Son as nosas raíces que nos demostran que, a pesares dos séculos, case todo estaba inventado.
BIBLIOGRAFÍA
HERNANDO, Mª R., MANGAS, J. : La sal en la Hispania romana, ArcoLibros, Madrid, 2011.
VV. AA. : Artifex. Ingeniería romana en España, Ministerio de Cultura, Madrid, 2002.
PÉREZ LOSADA, F. : “Arqueoloxía e arte no mundo rural: hábitat e arquitectura das villae galaicorromanas”, en PÉREZ LOSADA, F. y CASTRO PÉREZ, L. (eds): Arqueoloxía e arte na Galicia prehistórica e romana, Museu Arqueolóxico e Histórico de A Coruña, Monografías, 7, A Coruña, 1995.
-“Hacia una definición de los asentamientos rurales en la Gallaecia: poblados (vici) y casas de campo (villae)”, en Los Finisterres Atlánticos en la Antigüedad (época prerromana y romana), Gijón, julio 1995.
-“O campo galaicorromano e os seus contactos cos núcleos urbanos: Algunhas reflexións sobre a relación cidade-campo na Gallaecia”, en III e IV Semanas Galegas de Historia, A Guerra en Galiza / O rural e o urbano na historia de Galiza, Asociación Galega de Historiadores, Santiago de Compostela, 1996.
Sé el primero en comentar