Ir al contenido

“En galego, agora e sempre”

Portada do libro que recolle as mandas testamentarias dos participantes. FOTO: J.M.G.
Portada do libro que recolle as mandas testamentarias dos participantes. FOTO: J.M.G.

JESÚS MANUEL GARCÍA. Que maior patrimonio cultural que a lingua propia? Tan grande e importante que sobre el se constrúe iso que chamamos Galicia. Se se perde este tesouro perde Galicia ata estragarse toda ela. Por iso ten a súa razón de ser o libro En galego, agora e sempre, presentado en Ourense pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, editado pola Academia Postal co apoio económico da Xunta de Galicia. O que contén este libriño de 246 páxinas son as mandas testamentarias escritas por 240 representantes da política, da cultura, do xornalismo, da sociedade ourensá e galega. Trátase duns textos nos que cada autor manda que, ao chegar o remate da súa vida, o seu funeral e enterro sexa en galego e que nos documentos que iso produza estea empregada a lingua galega.

Velaí un exemplo dos textos saídos de cada un dos autores. FOTO: J.M.G.
Velaí un exemplo dos textos saídos de cada un dos autores. FOTO: J.M.G.

 O acto de presentación tivo lugar no solemne Paraninfo do instituto Otero Pedrayo da cidade das Burgas onde se deixou claro que hai que acabar coas incongruencias que se ven nos funerais, de emprego do castelán nas esquelas ou na lápida cando o falecido sempre se expresou en galego. Ou documentos notariais nos que o declarante faino do seu puño e letra en galego e o notario engade un texto en castelán onde conta o que o declarante quixo dicir.

   Haberá máis ocasións de continuar aumentando as mandas deste libro, segundo indicou Xosé González Martínez, que levou a dirección e coordinación do proxecto editorial xunto con Carme Pérez Vaquero. Nas butacas seguiron o acto moitos dos autores das mandas que no libro están. Acabadas as intervencións da mesa, comezou a segunda parte do acto que consistiu en asinar un documento notarialmente polo que quen así o quixo deixou oficial constancia de que, cando lle chegue o pasamento, todos e cada un dos trámites que iso conleve, seus fillos ou seus herdeiros fagan que todo sexa na lingua desta terra. O obxectivo de todo isto non é outro que insistir en que a lingua de Galicia non esmoreza, que non se perda, porque é parte inseparable da alma desta terra, elemento diferenciador dunha rica cultura neste recuncho do Noroeste hispano, cultura de séculos que navega nas nosas letras, proceloso mar de beleza e identidade.

Publicado elComunicacióncomunicación oral y escritaGaliciaPatrimonioPatrimonio documental

Se el primero en comentar

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *