Saltar al contenido

A Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino, ¿Patrimonio da Humanidade?

Tramo da Via Nova no Xurés, baixando ata Riocaldo. FOTO: J.M.G.
Tramo da Via Nova no Xurés, baixando ata Riocaldo. FOTO: J.M.G.
+Este traballo A VIA NOVA OU VÍA XVIII DO ITINERARIO DE ANTONINO, ¿PATRIMONIO DA HUMANIDADE? foi defendido por Jesús Manuel García Díaz e Avelino Rodríguez González dentro da materia Territorio, hábitat e asentamentos na Gallaecia, do Máster en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais da Facultad de Historia da Universidad de Vigo, en Ourense, o 19 de diciembre de 2012, co profesor Fermín Pérez Losada.

 

 JESÚS MANUEL GARCÍA / AVELINO RODRÍGUEZ. Moito se fala nos últimos anos acerca de converter o noso principal monumento da Antigüidade en candidato a Patrimonio da Humanidade. Intentouno o PSOE, intentouno unha plataforma cidadá e volveu insistir o PP ante o Parlamento Español. ¿Está a Vía XVIII realmente preparada para merecer tal distinción?

   No proceso romanizador era fundamental que os invasores chegasen a tódolos cantos do Imperio para controla-los recursos materiais e humanos do novo territorio. Para iso facíase indiscutible establecer unha rede viaria que conectase as civitates, os castros, os vici e as villae coas zonas mineiras e de explotación de recursos. Así naceu a Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino, a Geira para os portugueses. As comunicacións eran tamén na Gallaecia obras públicas cunha clara finalidade económica, ademais da súa primeira orixe militar. As comunicacións foron causa e consecuencia da romanización dun territorio que non era tan periférico ao pasar polas súas costas importantes rutas marítimas.

   As tres vías principais do Itinerario de Antonino son a Vía XVIII (Braga-Astorga); a Vía XIX (Braga-Astorga) e a Vía XX, que tamén unía ámbalas dúas cidades. O que semella estar claro é que a Gallaecia tiña unha rede transversal de vías complementaria ás vías principais aquí citadas.

   ¿Que é a Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino? Una calzada romana que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), dúas das tres capitais dos conventos xurídicos da provincia Gallaecia, o convento bracarense e o asturicense. Atravesaba a actual provincia de Ourense utilizando a distancia máis curta entre as dúas cidades conventuais. Entraba por Portela de Home para saír pola Serra da Enciña da Lastra. Este trazado rompe co das vías anteriores da época de Augusto. Construida en tempo dos emperadores flavios, pode ser considerada como a grande obra da dinastía Flavia en Hispania.

   Segundo se deduce de varios miliarios dedicados ó emperador Tito e ó seu irmán Domiciano, a Via Nova debeu de ser inaugurada entre os anos 79 e 80 da nosa era. O gobernador da provincia Citerior naquel tempo era Illote Calpetano Rantio Quirinal Rufo Valerio Festo. A vía tiña unha lonxitude de 215 millas romanas. Cada milla corresponde a mil pasos, perto de 1.481 metros. Esta vía percorrería 318 quilómetros. En canto a monumentos epigráficos é posible que este itinerario bimilenario conserve a maior cantidade deles entre tódalos construídos no Imperio romano. Así se encontran:

a) miliarios

b) aras dedicadas aos Lares viais ou deuses dos camiños

c) inscricións honoríficas como unha dedicada a Trajano que ó parecer conmemora a construción de Ponte Bibei

d) grandes obras de enxeñaría, sendo ela mesma unha grande obra, son:

 – Ponte Bibei, levantada con Trajano e, dous mil anos despois aínda en uso.

 -Restos de cimentación romana en ponte Navea, e ponte Cigarrosa.

   Os miliarios marcaban o trazado viario e a través de inscricións indicaban tanto as distancias a Braga ou a Astorga, expresadas en millas, coma as dedicatorias ós diversos emperadores. Eran un soporte para a propaganda imperial. Hai os dedicados a Trajano, a Tito, a Adriano, a Caro así como a Carino, Juliano ou Constantino I.

   O trazado da Vía Nova é a media ladeira para evitar enchentes e a construción de grandes pontes. O portugués pai José Matos Ferreira, no século XVIII, escribiu: Teño caminho de grande recreaçao para a vista, e muyto suave e facil para vos passageiros e de grande descanso para ás cavalgaduras e toda a casta de animais. Em todo elle se nao acha nada de sobida ou descida, porque nas partes onde ás havía de haver, face um gyro ou volta con que sempre hé caminho chan ou plano. Había un gusto pola horizontalidade, de aí que as súas pendentes non superen o 6%.

   Autores como Moreno Gallo (2004), indican que a pendente máxima que como norma se aplicaba ás vías romanas era do 8%, e que esta era excepcional e limitada a tramos curtos. A súa anchura bastaba para que poidesen cruzarse dous carros, entre os 5 e 7 metros. Presenta cortes nas rochas e muros de contención na parte inferior da aba para encher o seu interior con pedras e terra. Sobre ese firme colocábase o pavimento que ou ben era de terra batida ou de laxas planas.

FOTO: J.M.G.
Tramo da Vía Nova en Mendoia (Nemetóbriga), nas terras de Trives. Obsérvese o seu pavimento de terra. FOTO: J.M.G.

   ¿Como conseguían os enxeñeiros romanos tanta precisión? Tomarían referencias fixas dende puntos elevados, o que lles permitía abranguer distancias considerables. En canto a desmontes en rocha para facer discorrer a Via Nova, temos o exemplo dos existentes nos Cóbados de Larouco, onde se aprecian espectaculares desmontes en pedra tallados. Xunto á ponte Bibei aprécianse tallados romanos que destacan pola constancia da inclinación, pola finura do propio tallado e pola altura alcanzada nalgúns puntos. Estes traballos marabillaron ó Licenciado Molina no século XVI.

   Sobre a construción do pavimento as investigacións indican que non existiu unha serie de seccións tipo posto que as vías, os seus tramos, se acomodaban aos materiais que había en cada zona. Con eles os enxeñeiros construían a sección que consideraran máis que suficiente para a absorción das cargas. Esa sección era apta para defender a infraestrutura de elementos adversos como a auga, e construíase buscando a durabilidade.

Lápida que recorda a Lucio Pompeio Reburro, en A Rúa. FOTO: J. M. G.
Lápida que recorda a Lucio Pompeio Reburro, en A Rúa. FOTO: J. M. G.

   As técnicas dos enxeñeiros eran moi comúns e pódense resumir deste xeito: En terreos de mala calidade, utilizan unha capa primeira de asento, diferenciada das demais moi notablemente, feitas con materiais máis grosos que podían diferir en natureza e mesmo en procedencia. En afirmados sobre a propia rocha natural abondaba cunha única capa granular cun pé de espesor. É sintomático o feito de dispor, para a capa de rodadura, dos materiais granulares de árido axeitado, o máis fino posible e rodado con preferencia, recorrendo, se fose mester, a transportes dende afastadas terras.

   No caso da Limia, onde hai terreos húmidos, os enxeñeiros optaron por elevar a rasante realizando un terraplén (agger) con material procedente de dúas gabias laterais (sulci ou fossae), que axudaría á drenaxe da vía. A altura deste terraplén variaría entre 60 ou 70 cm e 1,5 metros. Sobre a construción de pontes, dotábanse con arcos de medio punto e perpiaños almofadados para cruzar os ríos; de madeira para salvar regatos e de laxas con grandes pedras e máis precisión para salvar pequenas corgas.

   A Vía Nova cruzaba unha zona rica en recursos minerais, de forma especial o ouro e foi un factor importante de urbanización dun territorio interior formado por varios pobos que formaron parte desta via: os Querquerni (Bande), os Coelerni (Celanova), os Limici (Xinzo de Limia) os Interanmici (Maceda) ou os Gigurri, en Valdeorras. Dos catro aglomerados do noroeste hispano citados por Ptolomeo como Fora, nos di Tranoy, dous están na área de influencia da Via Nova: Forum Limicorum e Forum Gigurrorum.

   Unía a Vía Nova dúas civitates: Bracara e Asturica.

Bracara Augusta naceu como cidade ligada ó campamento establecido no ano 27 a. C, (Balil, 1999) como base de operacións para a campaña de Gallaecia. Polas inscricións achadas alí, pódese saber que entre os seus habitantes había membros, activos ou licenciados de diversos corpos do exército romano procedente da zona centro-sur de Italia máis que de Roma. O seu conventus queda fixado polo Douro. Máis difícil é precisar (Balil) o seu límite co conventus lucensis. As principais cidades eran Tudae e Aquae Flaviae. Segundo Plinio, neste territorio había 285.000 contribuíntes. Aactividade económica máis importante era a explotación mineira e a industrial, a cerámica.

Astúrica Augusta xorde debido ó campamento romano que cara ao ano 25 d. C. se instalará servindo de avanzada cara ó noroeste durante as Guerras Cántabras (Mañanes, 1999). Ó crearse con Vespasiano os conventos xurídicos pasou a ser capital do convento xurídico asturum e acabaríase convertendo en capital do ouro. Segundo Plinio, Asturica era a Urbs Magnífica. Alí residiría o Legatus iuridicus, testemuñado por vez primeira na primeira metade do século II d. C., e o procurator. Ámbolos dous encarnaban as funcións política e económica. A cidade amurállase no século III polas invasións. A súa decadencia produciuse co final das explotacións auríferas no século IV. Neste convento concentrábanse as minas de ouro do noroeste, que representaban unhas 20.000 libras de ouro ó ano para o erario romano. Ó inicio da época flavia a sociedade deste convento compoñeríana 240.000 homes libres, número que crecería no ano 74 d. C cando Vespasiano concedeu o Ius Latti Minus, que afectou a varias poboacións como Bergidum Flavium, Interamnium Flavium, Flavionavia, etc.

  UN CAMPAMENTO ROMANO NA QUERQUENNIA

-Este campamento militar asentouse xunto ao Limia por razóns da construción da Vía Nova. Enxeñeiros e técnicos militares eran os que planificaban e dirixían as novas rutas oficiais de Roma. Situado no extremo oriental do territorio dos querquennos, destaca pola súa perfección xeométrica na súa planta e na súa muralla. Ó ser escavado o sector setentrional da muralla foi achada un nivel cónico con enganche férreo para a súa suspensión. Está construído en granito, cubríndose con tella os edificios principais e con colmo o resto.

Campamento romano de Aquis Querquennis, Bande. FOTO: J.M.G.
Campamento romano de Aquis Querquennis, Bande. FOTO: J.M.G.

   O campamento de Aquis Querquennis acollía a cohorte terceira da Legio VII Gémina, con sede en León. Esta pequena cidade militar estruturábase mediante dous eixes viarios perpendiculares: Cardo e Decumanus. Ademais estaba rodeada por unha muralla rectangular de ángulos redondeados. Intramuros, entre os edificios escavados, achábanse os barracóns de tropa, un hospital, dous horrea, un par de portas, amplos sectores da muralla; o cuartel xeral e outras estanzas. A muralla estaba á súa vez rodeada, ó exterior, por un foso con perfil en V, de certa profundidade. E ó interior dispoñía dun intervallum, duns 11 metros de ancho.

-Os barracóns de tropa: Escaváronse tres. Crese que faltan outros tantos por descubrir. Cada barracón era independente, organizado en torno a un patio rectangular cunha cisterna circular de augas pluviais no medio. Nunha das ás dispoñían de seis pares de cubículos coas dúas estanzas en cada un: arma e propileo, conectadas entre si. Na á oposta había outros catro pares de estanzas máis a casa do centurión e outros mandos, situada no exterior. En cada barracón aloxábanse 80 soldados e os seus mandos.

-Os horrea ou celeiros: Son dous grandes edificios pegados, iguais en lonxitude, non así en anchura que se apoiaban sobre piares de granito troncopiramidais, de 60 cm de altura. A presión do cereal era ás veces tan forte que se necesitaban contrafortes laterais. Alí gardábase tamén carne, legumes secos, viño, outros froitos non perecedoiros e aceite.

-O hospital ou valetudinarium: Estaba organizado ó redor dun patio cadrado e peristilado central ó que daban as portas das salas situadas en tres dos seus lados. Moitas desas salas tiñan fogar para quentar o enfermo. Crese que neste lugar se fixeron operacións de urxencia, compostura de contusións, tratamentos con baños ou con herbas medicinais…

-O cuartel xeral ou principia: Ocupa algo menos de mil metros cadrados, foi escavado totalmente entre  2003-2005 e está composto de tres espazos: foro ou patio porticado, a basílica para a xustiza e a zona sacra para o culto e accións administrativas. Pero en Aquis o principia ten, ademais, un gran pórtico columnado e dous deambulatorios cubertos e abertos a ambos os dous lados. A estanza máis nobre deste edificio era a aedes ou templo, onde se gardaban os altares divinos, a estatua do emperador.

-Murallas, portas e foso. O vallum. A anchura da muralla era maior que a habitual, a súa altura podía chegar aos oito metros coas torres e a gabia de cimentación ten un metro de profunda. Estaba moi ben construída. A altura ata o adarve ou paseo de rolda era duns cinco metros. O adarve estaba ameado. Algunhas ameas apareceron dentro do foso. As torres intercalábanse ó longo da muralla e sobresaían desta 10 cm polo exterior e 5 cm polo interior. Cada esquina curva da muralla estaba coroada por unha torre curva ao exterior e recta ao interior. Coñecemos dúas portas: Porta Principalis Sinistra e a Decumana. A primeira ten dous vans; un a segunda. O foso externo ten catro metros de ancho e tres de profundidade.

PONTE BIBEI

-Situada sobre o Bibei, entre os municipios de Trives e Quiroga, leva dende o século I permitindo o paso, primeiro da Via Nova e dos sucesivos camiños que a foron substituíndo. Ubicada estratéxicamente augas abaixo dos ríos Xares e San Lázaro, evitando ter que salvalos. A súa fábrica e testemuños epigráficos confirman que é unha ponte romana. Nas súas inmediacións foron achados dous miliarios: un conmemora a terminación da Via Nova; o outro marca a distancia a Astorga, en 94 millas. Perto foi achada unha inscrición dedicada a Júpiter Ládico. Ponte Bibei ten perfecta xeometría e un bo estado de conservación.

Ponte Bibei, augas arriba. FOTO: J.M.G.
Ponte Bibei, augas arriba. FOTO: J.M.G.

   Mostra tres vans desiguais no seu alzado cuxas luces son: 6,09; 18,51 e 8,77 metros. Os piares son perpendiculares e a súa anchura é de 4,40 e 4,23 metros respectivamente. As bóvedas teñen directriz semicircular. Os tres arcos tiñan en orixe as súas claves á mesma altura. O espesor da rosca é similar nos tres: duns 0,90 metros. Ponte Bibei é Monumento Histórico Artístico Nacional por decreto do 3 de xuño de 1931.

Detalle da ponte romana, unha das dúas orixinais que inda prestan servizo ó tráfico rodado en España. FOTO: J.M.G.
Detalle da ponte romana, unha das dúas orixinais que inda prestan servizo ó tráfico rodado en España. FOTO: J.M.G.

   O estudo da Via Nova foi xa obxecto de atención dos investigadores, desde o Renacemento, sendo esta citada no mapa de Georg Braun de 1594. Dos miliarios reunidos por orde do Arzobispo Don Diogo de Sousa no Campo de Santa Ana moitos, probablemente, foron traídos da Geira/Via Nova. No Memorial do Marqués de Montebelo (1642) o autor, Señor do Solar do Castro (Amares) non só refire que a vía romana pasaba xunto ás súas terras, senón que ademais di que o seu avó trasladara 10, dos 12 existentes ó redor da Igrexa de Carrazedo, ata Braga, a pedimento doutro Arzobispo Don Agostinho de Castro (1537‐1609). Non obstante, o estudo sistemático da Via Nova en terreo portugués podemos dicir que empezou no século XVIII co traballo do Padre Mattos Ferreira. O texto, que se conservou baixo a forma de manuscrito durante máis de douscentos anos, forma parte dun conxunto de memorias subseguintes á creación da Real Academia de Historia, escritas nos anos vinte do século XVIII. O traballo de Mattos Ferreira é de excepcional interese, tanto pola descrición da Via Nova, como pola súa contribución ó estudo da epigrafía da Geira. Xunto a Jerónimo Contador de Argote, que se baseou nel para o seu monumental traballo sobre as Antiguedades da Diócese Bracarense, impreso no século XVIII (1732‐34), tamén Emílio Hübner recorreu á monografía de Mattos Ferreira, para organizar o CIL (Corpus Inscriptionum Latinarum), publicado en Berlín, en 1869. A descrición do percorrido da Via Nova de Mattos Ferreira é incluso máis detallada que a de Martins Capela, que a escribiu un século despois, o que se xustifica se temos en conta que o obxectivo específico deste último era o estudo de toda a epigrafía viaria do amplo Conventus Bracarum (1895). Con todo, o texto de Mattos Ferreira non foi impreso ata 1982, por iniciativa do Concello de Terras do Bouro. A descrición de Martins Capella, cuxo traballo se orientou ó estudo das inscricións gravadas nos miliarios, é máis breve.

   En contrapartida a análise e contextualización histórica dos textos epigráficos é moi completa e fundamentada. De calquera xeito, a análise comparada das dúas obras é indispensable, tendo en conta o coñecemento do percorrido da vía, a historia do seu estado e a preparación dun eventual corpus epigráfico. No século XX, ó longo de varios anos, entre 1977 e 1992, aínda que sen continuidade, a Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e o Parque Nacional da Peneda‐Gerês realizaron intervencións arqueolóxicas no trazado da vía XVIII, entre as millas XXIX e XXXIV. As campañas, comezadas en 1978, sufriron algúns anos de interrupción, pero foron retomadas en 1984, 1985 e 1986 e, de novo, con máis grande amplitude, en 1992. Os traballos de maior calado fixéronse en 1978 e 1992. Finalmente, en 1998, realizouse o inventario do percorrido da vía entre Santa Cruz e a milla XXIV (Crebada).

   Dende o ano 2000 ó 2002 leváronse a cabo diversas prospeccións, co fin de definir o traxecto da vía nas comarcas de Braga e Amares. Ademais da Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e do Parque Nacional da Peneda‐Gerês, outros estudosos teñen aportado novos elementos para o avance dos coñecementos sobre a Geira/Via Nova en territorio portugués. Destacan, polo seu interese, o rigor e o carácter exhaustivo, o artigo de Amado Carvalho da Silva (1997), publicado na revista Minia, e o traballo de Fernando A. da Silva Cosme (1997), sobre a toponimia relacionada coa Jeira ou Geira.

   Recentemente, no 2001, Henrique Regalo elaborou un texto para fundamentar a cualificación da Via Nova, como Monumento Nacional, texto que rexistra algunhas novidades e que presenta, por primeira vez, a cartografía á escala 1:10 000 do camiño romano entre Portela do Home e Santa Cruz.

O TRAZADO.

   Partindo de Braga, a Via pasa paralela ó cemitério pola Rua do Areal, Rua do Areal de Cima, pasando ó sur do Convento de Montariol, continua pola Rua Rafael Bordalo Pinheiro por Cedro e Pinheiro, continua pola Rua Hélder Figueiredo, pasando xunto da Capela das Sete Fontes (milla II) e segue polo camiño de terra hoxe designado por Rua da Calçada Romana ata chegar a Adaúfe (milha III) , continua a ponente Igreja Paroquial por Romil, Redondo, Barreiro, Freire e Estrada, onde se situaría a milla IV, continuando por Cortinhal, Souto, Quinta do Coelho, onde sería a milla V, Salgueirinho até o Lugar do Rio, atravessava o río Cávado na Barca de Ancêde para Barreiros.

   Seguindo a descrición de Barros Silvelo (1875) e Martins Capella (1995), a Vía Nova, tras abandonar cara ao norte a localidade de Braga, pasaba polas proximidades das localidades de Adaufe e Algeriz, cruzando o río Cávado por unha ponte que foi substituída en época medieval pola actual ponte do Porto. Unha vez cruzado o Cávado, a Vía ascendería suavemente en dirección a Paço, ata chegar a Barreiros, Quintas da Pena e de Agro Longo, localidades onde Carvalho da Silva refire a aparición de tres miliarios. Pasaría despois a Carrazedo, onde, como refiren Rogaud de Sousa e María da Silva, apareceu o Ara aos Lares Burici, dende onde viraría lixeiramente cara ao oeste e tras tomar altura alcanzar a aldea de Piar en cuxa praza se ergue un miliario de Caro facendo de cruceiro. Dende aquí, a Via afrontaría as primeiras abas montañosas de Terras de Bouro cruzando as parroquias de Cayres (noticia de miliarios), Paredes Secas (miliario de Maximino), Santiago de Vilela (onde o miliario de Tito e outro anepígrafe sinalan a redución da Milla XIII) e, finalmente, Santa Cruz, onde oito miliarios marcan a milla XIV en Bouza do Padreiro cando a calzada abandona definitivamente o val do Cávado para entrar na do río Homem.

   A Vía prosegue por Terras de Bouro faldeando as vertentes da aba norte da Serra de Santa Isabel e seguindo as curvas de nivel a medio camiño entre os cumios e a canle do río Homem ata chegar a Covide (milla XVI) e Sao Joao do Campo (milla XVIII), no actual Parque Nacional do Gerês. Por certo, que esta parroquia de Sao Joao parece que foi fundada, segundo Matos (1982), polos Cabaleiros Templarios para vixiar a propia Vía e cuxa igrexa quizais levantaron, como apuntan Sande Lemos e Martinho Baptista (1996), sobre un antigo templo romano. Dende alí a Vía continuaba descendendo cara ó río Homem, deixaba atrás a milla XXIX onde se achou a primeira gran concentración de miliarios (entre ás millas XXIV e XXXIX obsérvanse varios conxuntos de miliarios, sumando un total de 91), e llaneaba ata chegar á «mutatio» de Bouça da Mó, hoxe somerxida baixo o encoro de Vilarinho das Furnas.

   Tras ascender a Serra do Gerês, a Vía traspasaba a milla XXXIV e penetraba en España polo paso natural de Portela do Home a traverso dunha trincheira escavada na rocha para continuar, xa en terras galegas, pola aba oriental do val do río Caldo. España Un dos primeiros eruditos que se referiu indirectamente á Vía Nova foi o celanovense Mauro Castellá Ferrer, quen no século XVI se fixo eco dun miliario, hoxe perdido e que, segundo el, marcaba a milla XXXVIII, dándoo erróneamente como procedente de Aquis Querquennis, pero que, en realidade, proviña das inmediacións de Baños de Riocaldo. Tras esta primeira noticia, este tramo non volverá ser estudado ata os inicios do século XVIII cando o crego portugués José Matos Ferreira realice en 1728 o recoñecemento exhaustivo da calzada dende Portela de Home ata Lugo, xa que creu que a partir dos Chaos, preto de Santa Comba de Bande, o trazado se dirixía cara a Cidade das Murallas. As súas coidadosas referencias serán pronto incluídas nas Memorias del Arzebispado de Braga, de Contador de Argote, de quen era asiduo informador. Destaca, a continuación, a obra formidable do xeógrafo Domingo Fontán, quen no seu Mapa de Galicia iniciado en 1820, rematado en 1834 e publicado en 1845 sinala un trazado da Vía co expresivo título de «Calzada Romana que viene de Braga», trazado que será repetidamente recoñecido dende a Portela do Home ata Cobelo polo Instituto Xeográfico Nacional de España dende as súas primeiras edicións a escala 1/50.000 ata as mais recentes a escala 1/25.000.

Detalle dun dos primeiros tramos da Via Nova tras pasar a fronteira de POrtela de Homem, xa en Ourense. FOTO: J.M.G.
Detalle dun dos primeiros tramos da Via Nova tras pasar a fronteira de Portela de Home, xa en Ourense. FOTO: J.M.G.

   Tamén existen citas dispersas en Flórez, Masdeu, Verea e Aguiar, Ceán Bermúdez, Madoz e outros, se ben hai que esperar para atopar referencias de certo valor ata que Fr. Pedro Cid de la Concepción, exclaustrado do mosteiro de Vich pola desamortización de Mendizábal, non se faga cargo da parroquia de Ríocaldo na década dos anos corenta e envíe en 1858, cando xa era párroco de Xunqueira de Ambía, á Real Academia da Historia, valiosos informes sobre a Vía, o seu decurso e os seus miliarios.

   Seguidamente será Ramón Barros Sibelo o que, por suxestións da Real Academia da Historia, se faga cargo do estudo detallado do tramo entre Braga e Busteliño, na Limia, confeccionando un monumental mapa nunca editado pero que pode admirarse na biblioteca madrileña da Real Academia da Historia. Barros, que publicou algunhas das súas impresións en Antiguedades de Galicia, volume editado na Coruña en 1875, levou a cabo un profundo labor de recoñecemento da ruta, se ben ás veces errada, como reiteradamente lle recordan os académicos de Madrid, en especial o seu paisano Fernández Guerra quen, coñecedor da rexión, matiza acertadamente moitas das apreciacións incorrectamente formuladas por Barros.

   Despois de Barros, outro viaxeiro que nos achega valiosos datos históricos, arqueolóxicos (en particular sobre os miliarios) e da cartografía da Vía é o tamén sacerdote portugués Martins Capella quen en 1883 saíu de Braga co desexo de percorrer a Vía ata Astorga, viaxe que tivo que interromper en Baños de Bande debido ao levantamento militar de Badaxoz. Xa a comezos do século XX sobresaen as figuras de Díez Sanjurjo, sobre todo, e Vázquez Núñez, este último mais orientado cara ao estudo dos miliarios, como os novos teóricos da Vía e que estenderán o seu estudo a todo o ámbito provincial. Díez Sanjurjo no seu traballo “Los caminos antiguos y el itinerario de Antonino en la provincia de Orense…” foi o primeiro en situar correctamente na milla XXXIX a mansión de Aquis Originis, ademais de realizar un mapa a grande escala do trazado na provincia de Ourense, no que destacamos algúns detalles, hoxe apenas visibles, como o zigzag da calzada ao descender da Portela do Home. Pero será na segunda parte da centuria cando de novo se esperte o interese polas vías romanas da man de Dulce Estefanía, Arias Bonet e, ocasionalmente, Bouza Brey, na década dos sesenta, e das de Caamaño, Abelleiro, Rivas, Mañanes, Justiniano Rodríguez, Loewinshon e Tranoy.

   Pola súa banda Durán et alt., dentro dun ambicioso plan de recuperación e restauración da Vía Nova ó sur de Lobios, realizan unha cartografía a escala 1/1.000 dende Portela de Home a Río Caldo Levantamento a 1/250 e 1/100 A Limia. A dirección da vía vén determinada por dous puntos de paso obrigados: o estreitamento do val do Limia en Ponte Liñares e o cruce da divisoria de augas Limia–Arnoia entre Sobradelo e Miamán. Ó londo do seu paso pola Limia a vía transcorre por un terreo chan pero fanagoso, polo que ofirme tería que manterse perfectamente drenado; en cambio poderán disporse longas aliñacións.

   A calzada romana entra por Feira Nova en Ponte Liñares e encamiña unha pequena subida cara á Saínza, practicamente polo mesmo lugar que despois ocupou un vello camiño. Entre os dous pobos de Penelas e Ordes advirtíanse restos do afirmado ó traballa‐la terra. Pasado Zapeaus comeza a primeira gran recta. Tería forma de trapecio con un firme de 6 m e unha base maior duns 18 m aproximadamente, contando unha altura dun metro, estrutura que será coñecida polos veciños como “Os Lombos”. Pouco antes de chegar á Saínza de Riba, cruzaba o arroio Bidueiro no lugar de Ponte Catuxa (afirmado como noutras vías inglesas ou no Xurés, acumulación de coios).

   Entre A Saínza de Riba e Santabaia aparece un lombo novamente de 80 m de longo, terminando a recta que se traía de Ordes ó mesmo tempo que desaparecen os restos físicos da vía ata Vilariño das Poldras no Concello de Sandiás, onde pasa pola parte baixa do pobo no lugar coñecido como Campo da Lama. Entre este punto e Ladeira pasado o pobo de Santa Ana, baixo a torre do Castro, o trazado só pode ser reconstruído a través da fotografía aérea. Non ocorre o mesmo en Ladeira onde se conserva un tramo de lombo ben conservado. Deste lugar a Casasoá nunha recta de case que 5 km a vía pérdese por completo, debido ós labores de desecamento e concentración parcelaria efectuados na zona, xusto no lugar onde a via pasaba pola súa zona máis comprometida ó carón do humidal da Lagoa, que cabe pensar fose máis reducido naquel momento do que o era no século XX logo dun proceso de colmatamento. Voltaremos atopar restos físicos en Bobadela onde se conservan lombos da vía, cando o menso ata o momento.

Alvarado, Rivas e Vega Pato reconstruiron o percorrido da Via Nova por Ourense, tanto nas terras limiás como o trazado ata a terra dos Gigurros para sair cara o Bierzo. FOTO: J.M.G.
Alvarado, Rivas e Vega Pato reconstruiron o percorrido da Via Nova por Ourense, tanto nas terras limiás como o trazado ata a terra dos Gigurros para sair cara o Bierzo. FOTO: J.M.G.

   Cunha traza perfectamente delimitada en liña recta, para desaparecer ata Busteliño onde recentemente ten aparecido un novo miliario que confirma o paso por ese lugar. Dos Limici ós Gigurri os mesmos autores estudaron o tramo seguinte, de maior complexidade e dificultade técnica debido á orografía pola que discorre. A orientación xeral do trazado neste tramo continúa suxeitándose á dirección SO‐NL ata acada‐la cota dos montes do Rodicio, pero dende aquí adopta a O-L para salvar pol norte as dificis estribacións do macizo Galaico‐Duriense. Dar co trazado correcto neste tramo resulta extremadamente complexo a causa da escaseza de vestixios claros do camiño, da pouca información que dan as obras de fábrica e pola superposición de camiños posteriores. A descrición do trazado proposto polos autores é resultado da análise de viabilidade de cada variante escollida. Dende Busteliño a vía superaría a divisoria de augas entre Sobradelo e Miamán por un punto baixo próximo a Penouzos.

   Á dificultade da escaseza de restos físicos e de reconstrución do trazado é preciso engadi‐la falla dunha resposta concluinte para o paso do Arnoia, que debe producirse entre Baños de Molgas como punto máis occidental e o de Arnuide como máis oriental. Existen obras de fábrica para facilita‐lo paso, entre outras a propia ponte de Baños de Molgas pero que non terían sinxela imbricación cun trazado factible. Como solución buscouse un replanteo teórico a través de plano dende o lugar da Lama, o que irá desembocar no paso baixo ó lugar de Vide cunha obra de fábrica hoxe desaparecida. Desde aquí segue en dirección ós Milagres coincidindo polo traxecto que realiza a estrada da que se aparta en Porto Galego. Logo diríxese a Tioira convertida en camiño terreo. A vía continúa por terreo chan con tramos rectos paralelos ó río Tioira ata Cimadevila. Comeza aquí a xirar cara ó norte e abandona‐la planicie, gañando cota case que en recta para chegar ó mesmo pé da falla do Rodicio.

   Desde o pé do Pedroso, por encima de Xinzo da Costa arranca o coñecido como Camiño da Xe, que sube ó Rodicio con unhya rasante do 4,5% e salvando os regatos máis importantes como o Carrascal ou a cabeceira do Prior. Subido o Rodicio, diríxese cara Covas, recoñecéndose a súa explanación durante case unha milla. Seguidamente crúzase o río Mao Vigueira de Abaixo confirmado pola presenza de miliarios, alonxándose da traza do Camiño real por Vilariño Frío (a admitida polos autores anteriores) uns 3 km. Continúa polo terreo chan de Caldelas e comézase a subida ó Alto de Cerdeira, diferenciándose do trazado do Camiño Real, máis brusco e con grandes pendentes. De Cerdeira baixa ata Ponte Navea, probable límite conventual, e que coincidirá aproximadamente coa metade do traxecto entre Braga e Astorga (millas CVII e CVIII). Dende aquí a caixa da vía é visible en longos tramos da subida ata o Alto de Trives, baixando logo coincidindo practicamente coa estrada actual.

Un dos miliarios que están expostos a carón da Ponte Bibei, zona do antigo conventus Asturicensis. FOTO: J.M.G.
Un dos miliarios que están expostos a carón da Ponte Bibei, no antigo convento asturicense. FOTO: J.M.G.

     No Larouco é preciso executar un trazado en codos, recoñecible entre os bancais dos viñedos pero diferentes do executados para a coñecida “Costa de Mendoia” realizados para o Camiño Real, imaxe amplamente difundida con unha pendente do 16% e un ancho de 3m en clara contraposición coa categoría da ponte que se atopa ós seus pés, a Bibei. Os verdadeiros cóbados atópanse ó cruza‐lo río para ascender dende o Bibei ata o alto da Ermida Vella, aproveitado o seu curso pola estrada en moitos puntos.

   Descende logo ata Freixedo, mantendo o 5% de pendente con escasos indícios físicos ata o mesmo pobo, onde se seguen durante uns 200m. Dende aquí a vía segue un pouco máis baixa que a estrada mantendo a curva de nivel ata Petín, ata chegar á Ponte Cigarrosa.

León

   Segundo os anteriormente aludidos: María del Dulce Nombre Estefanía, Justiniano Rodríguez e Tañanes, a Vía Nova entraría na provincia de León pola zona de Chao de María, ascendendo o pequeno val do río Gestoso, lugar que se ten identificado coa mansio Gemestario, para enlazar nas proximidades de Arnado co val do río Selmo ata Castropete onde a orografía se complica para chegar a Cabarcos. A partir de aquí segue o cauce do Arroyo de Val de Injertos ata chegar ata á Portela e continuar cara ó norte cruzando o río Selmo en Friera, onde existen os restos dunha ponte de fábrica antiga. Logo continúa pola marxe dereita do río Sil ata Toral de los Vados onde cruza o río Burbia para chegar a Cacabelos. Cruza o río Cúa pola ponte que conserva arcos e cimentacións romanas.

   Sae de Cacabelos e colle rumbo a Cabañas Raras, pasando polo pago de Carrapito. Segue aproximadamente polo que se coñece como “Carretera abandonada” e cruzando o río Sil cara Congosto por unha ponte hoxe sumerxida nun encoro. De Congosto sae con dirección oriental para chegar a San Román de Bembibre onde o seu trazado se solapa pola estrada actual. Posteriormente a vía segue o curso do arroio de Tremor ata Torre. Para logo chegar a Manzanal del Puerto en cuio pobo existe a advocación do Cristo de la Calzada. Dende Manzanal a vía toma dirección sueste confundindose coa estrada ata Requejo para logo coller torcer cara ó sur con un camiño superposto ata Astorga.

O CURSUS PÚBLICO NA VÍA NOVA

   O chamado Cursus Publicus constitúe unha estrutura sen a cal as estradas romanas só serían unha suma de camiños e non unha rede viaria organizada, esencial para o funcionamento e manutención do Imperio. Dous elementos básicos do Cursus Publicus son as mansións, lugares de descanso, e as mutationes, lugares ou estacións de cambio. Ó estar dedicadas ó descanso o lugar preferido para situa‐las mansio era onde brotaban augas termais.

   A regra xeral era que estivesen separadas ó redor de 20 km, é dicir a distancia que aproximadamente se podía recorrer nunha xornada, de modo que esta distancia podía ser menor se o traxecto era dificil ou en zonas montañosas. Cando na distancia aproximada que debía asentarse unha mansio existía xa un núcleo poboacional empregábase este para instalala ben dentro do propio núcleo ben nas inmediacións e tomaría o nome do mesmo núcleo. Cando isto non é así, creábase ex novo e o nome recibíao por algunha particularidade, sirva como exemplo Aquis Originis. Os nomes coñecémolos polos itinerarios antigos, onde apaarecen citados en ablativo ou locativo, indicando o lugar exacto onde se sitúa a mansio ou en acusativo para indicar que se separa do lugar onde debía estar situada.

-Mansións. Das mansións citadas no Itinerario de Antonino, no ámbito da Via Nova, só unha, a de Salatiana, está en territorio portugués. No traxecto da vía, o depósito arqueolóxico cuxas características se aproximan máis á referida mansio, correspóndese co poboado romano de Vilar ou Saim Velho, tendo en conta a dispersión dos vestixios e a súa proximidade en relación co camiño. Non obstante, este poboado non está situado na milla indicada no Itinerario. Segundo este documento entre Bracara e Salatiana a distancia é de XXI millas, pero o poboado de Vilar ou Chã de Vilar, está situado na milla XVIII, ou sexa, a unha significativa distancia da milla XXI.

   Normalmente os investigadores, para resolver estas discrepancias, insinúan eventuais erros nas sucesivas versións do Itinerario. Non hai noticia doutro poboado, adxacente á milla XXI, coa mesma dimensión de Chão de Vilar. Así, considérase, ata que se demostre o contrario, que este lugar foi a mansio Salatiana, aceptando a hipótese dun erro inicial no Itinerario que se repetiu nas sucesivas versións.

   Ademais desta mansio, existiron, probablemente, outras dúas, non mencionadas no Itinerario: a Cidade de Biscaia, no val do Cávado, e a de Adro Velho, ou Sagrado, de S. João do Campo, situada entre as millas XVIII e XXVII, nos contrafortes occidentais da Serra do Xurés. Son dous depósitos cunha ampla área de dispersión de materiais e que quedan os dous a medio camiño das poboacións citadas no Itinerario. Isto é, a Cidade de Biscaia, a 10 millas de Bracara Augusta e a 8 millas da mansio Salatiana, e o depósito de Adro Velho ou Campo Santo a 10 millas ao norte da citada mansio e a 11 de Aquis Originis (Rio Caldo).

Geminas: torre de Sandias

Nemetobrica: Colmenero en A Quintá antes de Trives Vello.

Foro: Colmenero en Petín.

Gemestario: Segundo Colmenero a uns 3 km antes de Portela de Aguiar é dicir nas inmediacións de Cabarcos. Segundo outros autores, en Gestoso e Alvarado e outros, en Portela de Aguiar.

Bergidum: Colmenero na planicie de Cacabelos. Existe consenso. Posiblemente Castro Ventosa

Interamnium Flavium: Colmenero calquera punto situado na contorna de Noceda é dicir na zona de Bambibre

-Mutationes

   As mutationes, infraestrutura indispensable do Cursus Publicus, tiñan, seguramente, un número moi superior o das mansións. Algunhas estaban integradas en pequenos pobos, ou, ata, en villae, adxacentes á vía. Outras estaban illadas, limitándose a un único edificio. O posicionamento destas mutationes debe ser interpretado en relación coa vía, tendo en conta a orografía, os cursos de auga permanentes e de maior caudal e, incluso, a situación das mansións que, seguramente, facultaban servizos da mesma natureza.

   A partir dos datos recollidos en diversas prospeccións é posible considerar algúns depósitos que puideron ter sido mutationes. No val do Cávado existiron, polo menos, dous, unha en cada beira do río. A da beira esquerda do río, preto da milla V, podería corresponder ao depósito denominado Bouça Alta. En canto á da beira dereita non dispoñemos de indicios ou evidencias. Coñécense outras dúas mutationes, diante da Cidade de Biscaia. Unha na base meridional da Serra da Abadia, na freguesía de Paredes Secas, lugar de Via Cova, co topónimo de Mojege. Manuela Martins considera este lugar como unha vila, talvez por que, no lugar, foron achados unha base de columna e un capitel dórico. A outra localízase no cumio da acentuada suba aos cumes da Serra da Abadia. Entre Santa Cruz e Saim, estaba unha cuarta mutatio, na freguesía de Chorense, preto da ermida de S. Sebastião (milla XVI). De feito, neste punto, nos cortes da estrada municipal e dun camiño de acceso a diversas casas, obsérvanse restos de muros de factura romana e abundante material cerámico (de construción e doméstico). Admítese, incluso, que a orixe de Covide sexa resultado dunha mutatio, ou que aquí existiu unha vila que integrou, entre as súas estruturas, un edificio dese tipo. De acordo coa dispersión das zonas con restos e coa toponimia existente, considérase máis probable a segunda hipótese. En plena travesía da Serra de Gerês/Xurés, consérvanse as ruínas da mutatio da milla XXX. Esta milla está situada debaixo da cota máxima do encoro de Vilarinho das Furnas, preto dun lugar chamado Bouça da Mó.

MUTATIO DAS MOURUAS

   Esta mutatio, aínda non escavada, sitúase ao sur da Lama do Picón, entre as millas XXXV e XXXVI, nun pequeno replano de aspecto artificial ao lado da vía e no que parece adiviñarse a configuración dunha planta rectangular sobre a que se detectan fragmentos de construción romanos consistentes en tégulas e cachotes mesturados con arxila.

MUTATIO DE PORTElA DE MARIA

   A posible mutatio de Portela de María sitúase moi preto da Via nun pequeno altozano entre as Millas X e XX, onde se detectan modestos indicios de construción romana. Tanto pola pobreza do enxoval coma pola localización do edificio non cabe pensar que poida tratarse doutro tipo de establecemento.

A MUTATIO DA MILLA XXX

   Ata o comezo dos traballos de 1992 non se coñecía ningunha proba material que testemuñase a localización precisa desta milla. O itinerario do século XVIII, da autoría do Padre Mattos Ferreira, tampouco tiña referencias sobre ela. No mes de maio de 1992, durante unha prospección de superficie efectuada polos arqueólogos responsables do proxecto de estudo da Geira/Via Nova no PNPG, foi achado o primeiro miliario coñecido desta milla, incrustado nun dos antigos muros dos campos de Vilarinho dás Furnas, debaixo da liña da cota máxima do encoro. No mesmo lugar, e no mesmo día, foron identificados os alicerces dun edificio romano que parecía corresponder ás ruínas dunha estación de cambio (mutatio) para apoio aos viaxeiros. Esta construción foi escavada integramente en 1992. Máis tarde, xa finalizando os traballos, foi descuberto un segundo miliario, enterrado en posición vertical.

   O lugar corresponde a unha zona de deposición de sedimentos das augas da presa e non foi escavado, sendo, pois, imposible verificar se está ou non epigrafiado e o seu tamaño. Pero, non é de excluír que este segundo miliario correspondente á milla XXX poida estar in situ. Estando situadas as ruínas nunha área de constante oscilación de cotas, o espesor dos sedimentos que cubrían os muros romanos superaba escasamente os 30 centímetros.

   A mutatio era un edificio rectangular, ben delimitado, asentado sobre un pequeno outeiro con boa insolación e implantado xunto á vía, ó lado norte da estrada e na beira esquerda da ribeira do Mó. As súas dimensións son de 21 metros (eixe maior, noroeste‐sueste) por 14 metros (eixe menor). A estrutura dos muros que formaban o edificio era de granito, ben aparellado, con características semellantes ás construcións de Bracara Augusta. Ademais, é interesante subliñar que a orientación dos eixes da estrutura é igual á da malla da cidade romana. Débese supoñer que as paredes exteriores do edificio eran, integramente, en pedra, dado que nalgúns puntos se conserva a primeira fiada e porque o material era abundante na zona.

   No interior non se de detectaron apoios de muros. Si que se distingue un conxunto de bases de piares, os cales soportaban, probablemente, unha estrutura de madeira sobre a que, á súa vez, se apoiaba o madeirame da cuberta, que sería de tella, considerando a abundancia deste material nos estratos arqueolóxicos e en superficie. É posible que houbese unha división interior en madeira, pero dada a pouca profundidade dos sedimentos que cubrían as ruínas non foi posible recoller ningún indicio. Na esquina sueste do edificio consérvanse sinais dun pequeno compartimento, aberto ó exterior, talvez unha taberna. No exterior deste compartimento, ó oeste, obsérvanse os vestixios dun pavimento en terra batida. A estratigrafía rexistrada era pouco potente, limitándose a dous sedimentos depositados sobre as estruturas: un, superior, correspondente, ás areas do encoro; outro inferior, indicativo dun nivel de abandono.

   A cronoloxía do conxunto do material cerámico, tanto do resultante da recollida inicial, coma do procedente dos traballos de escavación, converxe para datar esta mutatio no período de apertura da vía, ou sexa durante a dinastía dos Flavios. No conxunto, predomina a cerámica común. Só se rexistra un fragmento que imita formas de Terra Sigillata e algúns de cerámica común fina. Polo tanto o espectro do material corresponde ó tipo de lugar.

   Aparentemente este edificio só tivo ocupación no Alto Imperio, no último cuarto do século I e no século II, momento en que tería sido abandonado. Debemos sinalar que a distancia entre o asentamento da milla XVIII, en Campos do Gerês e a mansio Aquis Originis era soamente de XI millas, distancia que a pé se podería percorrer nun único día. Así, talvez, a mutatio de Bouça dá Mó, da milla XXX, proxectada nunha fase inicial, logo rematou por ser abandonada.

   Esta circunstancia realza o interese dos restos dun edificio que, probablemente, traduce un modelo uniforme e simple de mutationes, tal como foron establecidas nunha fase inicial da vía. Mansio Aquis Originis/ Vila romana de Riocaldo Case 300 metros máis adiante da paraxe chamada Reboredo, onde se reduciría a milla XXXVIII, localízanse os restos arqueolóxicos dun edificio con aínda escasa superficie escavada, pero que pola súa estrutura e disposición formal corresponde a unha villa ou casa de campo dun latifundista romano. Non obstante, debido á súa ubicación, tanto ao pe da Vía, hoxe destruida polo camiño actual, como nunha zona onde los investigadores sitúan a mansio Aquis Originis –identificada co entorno dos Baños de Riocaldo— debemos pensar que este edificio prestase tamén os servizos de índole pública correspondentes a esa estación de posta romana ou mansio denominada Aquis Originis. De ser isto certo a mansio non se localizaría, pois, na milla XXXIX indicada polo Itinerario Antonino –e hoxe reducible a medio camiño entre Os Baños e Vilameásenón na anterior, quizás por un erro en dito Itinerario. Isto explicaría, ademais, que Contador de Argote citase a presenza dun miliario co numeral XXXVIII xunto a antiga casa de baños, en canto que esa localización coincidiría co ámbito territorial da milla.

   A villa\mansio localízase, polo tanto, moi preto do nacente de aguas termais que lle da nome ao río e tamén inmediata ao decurso da Geira / Via Nova, que na Idade Media debeu seguir permitindo unha fluída relación con Portugal, cando menos, como camiño de peregrinación a Santiago baixo o nome de Caminho da Rainha Santa. O xacemento, descuberto en Os Cobelos a raíz dunha prospección arqueolóxica realizada en 1989 e hoxe sobre terreos de titularidade municipal, foi obxecto de varias campañas de escavación e consolidación en el distínguense toda una serie de estancias que funcionalmente nos sitúan ante dos ambientes o ámbitos ben diferenciados: un ambiente de cociña e un ambiente termal inmediato ao anterior e disposto así respectando o recomendado nos tratados contemporáneos de arquitectura romana.

Ambiente de cociña

   En primeiro plano podemos contemplar unha área de servizo, tan só parcialmente explorada, dedicada a cociña (culina) e próxima ao ambiente termal polo que esta disposición se atén á sinalado por Marco Lucio Vitruvio no seu tratado de Arquitectura (cap.IX ‐ Da disposición das casas de campo), quen ao referirse á estruturación das casas de campo dinos que as salas de baño e a cociña deben estar contiguas. Culina onde está presente un forno doméstico (furnus), semellante aos de arquitectura popular da zona, pero tamén con claros paralelismos noutros fornos romanos recentemente escavados como o das inmediacións da mansio Aquis Querquennis, distante xa 53 millas de Braga. Deste furnus de Aquis Originis apareceu o lar e o comezo dunha cámara abovedada e o seu chan estaba conformado por tégulas dispostas en posición invertida, debaixo das as cales, para impedir a perda de calor, se dispuxo unha capa de area, que á súa vez, repousaba sobre o lousado actualmente visible, que delimita a estrutura maciza do devandito forno.

Ambiente termal

   O conxunto termal, escavado na súa totalidade, é hoxe un dos mellor conservados da Callaecia, aspecto este que incide, logo dos traballos de posta en valor, no seu carácter visitable e doadamente comprensible. Pero é, tamén, a mellor expresión dos usos e costumes que Roma transmitiu por todo o seu imperio pois ó lado de grandes termas públicas, de tipo salutífero e medicinal ou só lúdico, identificamos, igualmente, pequenas termas, mesmo nas zonas inmediatas ás nacentes salutíferas, como é o caso das de Riocaldo que por estar localizadas 500 metros ao norte do depósito pero en relación co leito do río, coñecerían xa en época romana un aproveitamento meramente estacional confirmando pola aparición dunha ara dedicada ás ninfas durante as remocións de terras feitas para a construción do actual balneario.

   O conxunto termal de Ríocaldo está composto por un corpo alongado, orientado en dirección NON‐SUESTE e disuesto de acordo a un pórtico alongado ou corredor (ambulacrum), situado na parte máis occidental da terraza que lle serve de asento. Corpo alongado onde se recoñecen varios estanzas, nas que a súa denominación vén dada, por unha parte, pola proximidade ao centro emisor de calor ou praefurnium, e por outra, polo esquema de circulación dentro do edificio. Da disposición das distintas estruturas podemos supor como a estancia rectangular máis pequena funcionaría como vestibulum ou antecámara con escada interior —a base de peldaños xa non conservados— para así superar a diferencia de cota entre o pórtico de acceso e o piso das termas propiamente dito.

   Dende o vestibulum accedíase á estanza de maiores dimensións, 21 metros cadrados e non caldeada do percorrido termal, que debemos entendela como vestiario ou apodyterium. Non obstante, dado que neste conxunto termal falta un verdadeiro ambiente destinado ao frigidarium, o apodyterium ó non estar caldeado debeu tamén funcionar como frigidarium. Para iso, neste caso, simplemente poñeríase no unha talla de auga fría, sobre todo se temos en conta que no mundo antigo, despois dun baño quente era imprescindible bañarse con auga fría para deter a suor e ao tempo para tonificar e fortalecer o corpo. Polo tanto daríase tamén unha utilización conxunta desta sala non caldeada como apodyterium‐frigidarium, ao igual que sucede con frecuencia en conxuntos de Pompeya e Herculano.

   Ó sur das estanzas dedicadas a vestibulum e aapodyterium‐frigidarium, edificouse un piso sobreelevado, asuspensura, o cal asenta sobre arcos de ladrillo, creándose, deste xeito, un subsolo de 96 cm. de alto que servía de cámara de calor ou hipocaustum, ademais orientado cara ao SO, para un mellor desfrute e aproveitamento dos raios solares provintes do Oeste. Nesta estrutura de hipocaustum debemos distinguir entre a estanza, que dende o fogar recibía menos aire quente e que debemos relacionar co tepidarium, e aquela outra, que por localizarse xunto ao praefurnium ou caldeira central de calefacción se convertía na estanza máis quente do conxunto ou caldarium, ao que a nivel de circulación dentro do ambiente termal se accedía dende o tepidarium. O caldarium, ademais, polo seu lado sur aparece delimitado mediante unha estanza de planta absidiada, típica das vilas do Baixo Imperio, acollendo no seu interior unha pequena bañeira semicircular (balneum ou alveus). No momento da súa escavación este alveus conservaba un sumidoiro de desaugadoiro no fondo, así como unha delimitación perimetral mediante moldura dun cuarto de círculo, típica das dependencias romanas relacionadas coa presenza de auga.

   As subestruturas correspondentes ó tepidarium e caldarium presentaban unhas cámaras de calor comunicadas entre si e compostas por un chan ou area de sábrego moi compactado sobre o cal asentaba unha armazón de arcos composta en cada estanza por sete filas de tres arcos en sentido SO‐NL. Filas das que se ben en ningún caso se conservaban os devanditos arcos, se o facían, ben os seus arranques —pilae de ladrillos de tipo bessalis (19‐22 cm de lado), asentadas sobre un ladrillo de 30 x 30 cm ou dun pé de lado dispostos a xeito de basea— ou ben as súas pegadas en negativo sobre o chan ou area.

   Os arcos de medio punto á súa vez estaban conformados por ladrillos tipo cuneati articulados cos xa citados ladrillos bessalis, para logo sobre a armazón dos devanditos arcos asentar o verdadeiro piso sobreelevado da estanza ou suspensura, á súa vez conformada por ladrillos bipedalis (60 cm de lado) e por un morteiro de opus signinum como pavimento. Este pavimento se por por un lado, se quentaba lentamente, por outro tardaba máis en arrefriarse, malia que o fogar ou caldeira central de quentamento funcionase ao mínimo.

 No que respecta ó alveus, a súa cámara de calor estaba composta tamén por un chan ou area de sábrego, sobre o que se asentarían as pilae de ladrillos de tipo bessalis, xunto a ladrillos dun pé de lado dispostos a xeito de basea e de capitel. Na cámara de calor tamén é visible un pequeno oco cuadrangular que pode interpretarse como o comezo dunha cheminea de evacuación de fumes residuais ou de gases, ascendendo a través do muro. O aire quente chegaría ás cámaras de calor procedente dunha cámara de quentamento ou propnigeum, que ocupa toda a zona este do ambiente termal. Presenta, por un lado, un acceso diferente e independente das estanzas termais, e por outro un tamaño considerable relacionado co seu uso tamén como almacén de combustible.

   No momento da súa escavación estaba cuberto por unha importante capa de cinzas procedentes da caldeira central de calefacción (praefurnium), localizada no sector SO desta estanza, correspondendo o seu mantemento a cargo do fornacator. Praefurnium da caldeira central sobre o que iría asentado o depósito de auga quente, miliarium, ao cal a auga entraría procedente de senllos depósitos colocados ao lado do de auga quente e que por estar asentados sobre os laterais do fogar ou praefurnium, aproveitarían tamén a súa irradiación indirecta.

¿ESTÁ PREPARADA, POIS, A VIA NOVA PARA OPTAR A PATRIMONIO DA HUMANIDADE?

-A polémica restauración da Xunta no Val do Riocaldo.

   A principios da década do 2000, a Xunta iniciou a pavimentación dun camiño medieval que discorre dentro da caixa da Via Nova en Riocaldo. Aquilo custou 40 millóns de pesetas e orixinou unha acendida polémica entre os arqueólogos, que tivo o seu foro en La Voz de Galicia. Manuel Xusto, nun relatorio lido en Mérida, no Seminario Patrimonio e Itinerarios Culturais nas cidades histórico artísticas e parques arqueolóxicos, dixo: «Falar da rehabilitación da Vía Nova debera entenderse como readquisición ou recuperación do seu valor histórico, pois non esquezamos que estamos ante un documento histórico de carácter fundamentalmente arqueolóxico. Non obstante, non parece que fose ese o criterio que seguiu a devandita rehabilitación, sobre todo se temos en conta que Carlos Nárdiz, un dos asinantes do proxecto de rehabilitación, nos di que «o debate orixinado como consecuencia da rehabilitación nun tramo da Vía XVIII… non tería maior importancia agás para os amantes dos estudos históricos e arqueolóxicos». Dende ese posicionamento non parece claro o valor da Vía XVIII como documento histórico e arqueolóxico, coa súa conseguinte estratigrafía, salvo para uns poucos. (…) Posicionamento de escasa importancia da vía como documento arqueolóxico que parece verse corroborado cando tamén se sinala que a súa limpeza xa se fixo supervisada por arqueólogos. Unha limpeza superficial non é suficiente para documentar, investigar e poñer en valor un depósito arqueolóxico. (…) Primou, pois, a construción dun camiño superposto sobre a idea do mantemento sistemático do construído e da súa historia coas mínimas alteracións posibles». Sobre a campaña do Inorde acerca da Via Nova.

   Os arqueólogos dubidaron do rigor da devandita campaña. Así, Xulio Rodríguez, nun curso celebrado en Xinzo sobre A Limia romana, o venres 22 de xullo do 2005, dixo que o primeiro sería coñecer ben cientificamente a Via Nova: «Hai que converter os recursos arqueolóxicos en produtos a través dá investigación. Agora vemos nas vilas postos informativos sobre ese proxecto Via Nova pero ¿que información dan? ¿E que se pode ver realmente a vía?» Para Xulio Rodríguez o que se fixo con ese proxecto foi poñer o carro diante dos bois.

-REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

-ALVARADO BLANCO, S.; DURÁN FUENTES, M.; NÁRDIZ ORTIZ, C. (1989) Puentes Históricos de Galicia. Santiago: Xunta de Galicia-Colegio de Ingenieros de Caminos

-ALVARADO, S.; RIVAS, J.C.; VEGA, T. (1992) La Vía Nova en A Limia. Sus restos, trazado, mensuración y procedimiento constructivo”. Ourense: Grupo Marcelo Macías. Boletín Auriense, Anexo 16

-ALVARADO, S.; RIVAS, J.C.; VEGA, T. (2000) La vía romana XVIII (Via Nova). Revisión de su trazado y mensuración. II. De los Limici a los Gigurri. Ourense: Grupo Marcelo Macías. Boletín Auriense, Anexo 25

-BAPTISTA, J. et alli (1995) A Via XVIII do Itinerário de Antonino na Serra do Gerês-Xurès. Braga: Instituto da Conservaçao da Natureza. Parque Nacional de Pereda.Gerês. Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

-BARROS SIVELO, R. (1875) Antigüedades de Galicia. La Coruña: Imprenta de Domingo Puga.

-BLÁZQUEZ; DELGADO-AGUILERA, A. (1918) “Vía romana de Braga a Astorga por la provincia de Orense” Bol. Real Acad. de la Historia, t. LXXII

-CAAMAÑO GESTO, J. M. (1979) La via nº 18 del Itinerario de Antonio a su paso por la actual provincia de Orense. Tesis doctoral. Univ. De Santiago Facultad de Geografia e Historia.

-CAAMAÑO GESTO, J. M. (1984) As Vias Romanas. Santiago: Cadernos do Museo do Pobo Galego. Núm. 3.

-CHEVALLIER, R. (1972) Les voies romaines. Paris: Lib. Armand Collin.

-DIEZ SANJURJO, M. (1904) «Los caminos antiguos y el Itinerario nº 18 de Antonino en la provincia de Orense». Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense. Tomo II-

-DURAN FUENTES, M. (2002) “La Vía Nova a su paso por la Serra do Xurés – Ourense. Estudio, interpretación y conservación”. Camineria Hispánica. Actas del V Congreso Internacional de Caminería Hispánica. Tomo I, pps: 135-146.

-DURÁN FUENTES, M. (2005) La construcción de puentes romanos en Hispania. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

-DURÁN, M.; NÁRDIZ, C.; FERRER, S.; AMADO, N. (1999) “La Vía Nova en la Serra do Xurés. La rehabilitación de la Vía Nova entre Portela do Home y Baños de Riocaldo, Ourense”. Arqueología/Informes 7 Santiago: Xunta de Galicia.

-EGUILETA FRANCO, JM.; XUSTO RODRIGUEZ, M. (1995) “Prospección e escavación arqueolóxica na Baixa Limia. O encoro de Lindoso e o seu entorno (Ourense)”. Arqueología-Informes, 3. Campaña 1989. Santiago: Xunta de Galicia.

-ESTEFANÍA ÁLVAREZ, M. D. M.- “Vias romanas de Galicia”. Zephyrus, Vol. XI, 1-2 FERRER SIERRA, S. (1999) “La Via Nova no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xures”. Lethes, núm. 2, , pp 95-100.

-FONTÁN RODRÍGUEZ, D. (1845) Carta Geométrica de Galicia. Escala 1:100.000.

-GRENIER, A. (1934) “L’ Archéologie du sol. Les Routes” in Manuel d’ Archéologie Gallo-Romaine (J. Déchelette). Vol. VI-A. París. Capítulo III (pp. 52-81) e IV (pp. 82-105).

-MARTINS CAPELLA, M.J. (1995) Miliários do Conventus Bracaraugustanus em Portugal. Reed. Braga: Cámara Municipal de Terras de Bouro.

-MATOS FERREIRA, J. (1982) Thesouro de Braga descuberto no Campo do Gerez. Braga: Cámara Municipal de Terras de Bouro.

-NÁRDIZ ORTIZ, C. (1992) El Territorio y los Caminos en Galicia. Planos históricos de la red viaria. Madrid: Xunta de Galicia-Colegio de Ingenieros de Caminos.

-PÉREZ LÓPEZ, D. BARBA SEARA, C. (2012) «Recuperación dos miliarios do padrón e posta en valor da Via Nova entre Congostro e a Saínza». Lethes, 11.

-RIVAS FERNÁNDEZ, J. C. (1975) “Addenda al estudio y catálogo de los miliarios orensanos. II. Los miliarios de Portela do Home y otros dos en el tramo inter-mansional Geminas-Salientibus.”. Boletín Auriense, tomo V.

-RIVAS QUINTAS, E. (1985) A Limia. Ourense: Edic. Diputación Prov. Ourense.

-RODRÍGUEZ COLMENERO, A. (1997) Aquae Flaviae.l. Fontes epigráficas de Gallaecia meridional interior. Chaves: Camara municipal de Chaves.

-RODRÍGUEZ COLMENERO, A.; FERRER SIERRA, S.;ÁLVAREZ ASOREY, R. D. (2004) Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico. Santiago: Consello da Cultura Galega.

-RODRÍGUEZ COLMENERO, A. (1974) “La red viaria romana del sudeste de Galicia”. Hispania Antiqua, IV.

-RODRÍGUEZ COLMENERO, A. (1977) Galicia Meridional Romana. Univ. Deusto.

-ROLDÁN HERVÁS, J. M. (1975) Itineraria Hispana. Fuentes antiguas para el estudio de las vías romanas en la Península Ibérica. Anexo de Hispania Antiqua. Valladolid.

-SANDE LEMOS, F.; MARTINHO BAPTISTA, A. (1996) “Estudo de um troço da via XVIII do Itinerário de Antonino na Serra do Gerês (A Geira Romana)”. Cadernos de Arqueología, núm 12-13.

-TRANOY, A. (1981) La Galice Romaine. París: Publications du Centre Pierre París. (E.R.A. 522), Diffusion de Boccard, (Maison des Pays Ibériques, 7).

-VÁZQUEZ NÚÑEZ, A. (1898-99) “La Epigrafía Latina en la provincia de Orense”. Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, tomo 1.

-XUSTO RODRÍGUEZ, M. (1991) “Galicia. Romanización en el valle del río Caldo”. Revista de Arqueología, Ano XII, núm.126.

-XUSTO RODRÍGUEZ, M. (1996) “Arquitectura termal en la villa romana de Riocaldo”. Revista de Arqueología núm. 187.

-XUSTO RODRÍGUEZ, M. (2000) “A vila romana de Riocaldo: estado da cuestión”. Brigantium, 12.

-XUSTO RODRÍGUEZ, M.; RODRÍGUEZ CAO, C. (1991) Arqueoloxía en Lobios. Ourense

Publicado enArqueologíaHistoriaInvestigaciónOurensePatrimonioVía Nova

Un comentario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *